Opinión

As prazas da Galiza hoxe falan catalán e republicano

O roubo social xa está completo, o estado está quebrado, a débeda española é impagábel, os dereitos sociais, a protección do estado..., todo iso está no ar. E o roubo de liberdade foi sistemático desde que M. Rajoy chegou ao Goberno, levado por todos os poderes do estado cos seus xornais e televisións.

Pouco e pouco e día a día foron lexislando con leis e decretos para impedir que houbese resposta social, protesta, defensa da sociedade ante o saqueo do estado. A lei Mordaza sintetiza a política policial e a ideoloxía que hoxe percorre as veas do estado absolutamente, desde o Constitucional, o Supremo, a Audiencia Nacional (antes TOP) até o último garda. O retroceso democrático deste estado ten unha dimensión enorme, hoxe é un estado salvaxe onde un xuíz xusto ou un fiscal imparcial ten de sentir moita vergoña de como funciona o estado ao que serve. Porque a xustiza xa non serve á cidadanía, serve ao estado. Isto é, aos que o posúen, aló na corte madrileña. Aló no palco do Bernabéu.

O president Puigdemont non é só o único e lexítimo presidente dos cataláns e catalás, tamén é un loitador noso pola democracia para todas e todos. É un dos nosos, avui també és el president dels demócrats en l’ estat espanyol.

Hoxe a cidadanía que o é, a que precisa da liberdade para si e para os demais ten unha cita nas nosas prazas ás 20 h. A Galiza republicana, a Galiza libre, ceibe, as persoas demócratas aquí, sen siglas, sen bandeiras, cidadanía espida..., estamos coa sociedade catalá porque iso é estar coa nosa mesma dignidade e liberdade. As nosas prazas libres.

Comentarios