Opinión

Política miserábel e miseria da política

“LaSexta”, a canle televisiva destinada pola empresa e polo seus amos a entreter e divertir a un público crítico co PP e que ideoloxicamente é guai e non vai moito máis aló, ofreceu un retrato da política máis miserábel, ofreceu ao público unha escolla entre Aznar e González (“da rapa á rebola veña Deus /ou o demo e escolla”). González efectivamente é a ponte que une o PSOE con Ciudadanos e co PP, el en por si xa é o tripartito do 155 e da desmontaxe do estado que está a gobernar.

O bipartidismo, o sistema político da Transición, acabou nese señor orondo, cheo de si, que se sinte moralmente dono do estado e fala como tal: “yo tendría a Junqueras fuera de la cárcel...”. Non é un falar, é a evidencia de como funciona este estado, a Xustiza é política, do mesmo modo que M. Rajoy ten emprisonado ao Vicepresidente da Generalitat, el teríao deixado solto, agora que iso si: logo de garantir que fose acusado dos mesmos delictos polos que está acusado no Reino de España, que non o serían nos países democráticos europeus. Esa é a política miserábel do Réxime, desmontaxe da cobertura social do estado, Xustiza ao servizo do poder político, españolismo, autoritarismo e chulería. Política miserábel.

O bipartidismo, o sistema político da Transición, acabou nese señor orondo, cheo de si, que se sinte moralmente dono do estado

 

E campando nos mesmos espazos políticos e mediáticos andan as alternativas, Ciudadanos é evidentemente unha fraude e non engana a ninquén, vótao ou di que o vai votar quen quere, e fan ben porque xente así merece votalo. Do mesmo modo que hai xente que vota ao Partido Popular sabendo que é unha organización delictiva porque merece votalo. Non sexamos paternalistas: quen vota delincuentes sabéndoo merece ese goberno, o malo é que o pagamos todos.

E de Podemos sabemos que van ter dous meniños e que os apelidos irán por sorteo. Non pasa nada, é o espectáculo para as canles de televisión. Mais, o triste é ver aquí o espectáculo que leva dando meses, semanas, días a Marea. Non merecemos isto, non o merece a xente que o votou, non o merece o país. Xa non se pode dicir que sexa unha experiencia política nova, xa non o está a ser e ademais envellece moi mal. Inmadurez e irresponsabilidades, é de compadecer o portavoz, o señor Villares.

O triste é ver aquí o espectáculo que leva dando meses, semanas, días a Marea

 

Non me estendo, non quero aumentar os danos porque son danos a esa organización que segundo os medios está cuestionada xa desde dentro mais, principalmente, é un dano ao país. Precisamos unha alternativa ao PP de Feijóo, é unha verdadeira necesidade social e nacional; se iso pode ser separado. Para gañarlle a Fraga fixo falta un esforzo grande e unha capacidade de negociar e entenderse entre dous partidos, agora cantos van ser? Ese espectáculo de enfrontamentos e infantilismos non é cómico, como queren os medios de comunicación ao servizo de Rajoy, é dramático. Solucionen e acaben xa.

Comentarios