Opinión

O que nos funda

O que funda o galeguismo, a demanda nacional galega, é a rebelión contra un poder, o centralismo borbónico. Afírmanos a negación dese poder. Negamos ese poder sobre nós.

Esa negación é a nosa afirmación nacional. Para poder afirmar que somos un pobo na historia, que temos unha cultura e unha lingua de seu, parte dunha lingua no mundo, e que os nosos problemas básicos nacen da opresión política do Estado centralista e do espolio dunha oligarquía parasitaria da corte temos forzosamente que negar este Estado.

E para iso temos que nos remitir á orixe, ao bico da fonte da auga máis clara, á revolución de 1846. A mitoloxía do nacionalismo galego ten moitas estampas ás que se remite a retórica política galega actual. Van desde Rosalía e Murguía até Castelao e o Partido Galeguista republicano, desde a fundación de Galaxia sobre a quebradura co exilio até as datas ás que se remite a UPG e as organizacións subsecuentes.

Curiosamente a recuperación da autonomía non figura no imaxinario nin a ten en conta ninguén. É como se a época política que habitamos e na que se fai a política non fose real e fose toda ela fantasmagórica, unha realidade na que semella que ninguén cre. Unha situación completamente anómala a nosa que non nos dá seguridade. A Transición deu paso ao estado franquista reformado na forma de segunda restauración borbónica, é unha realidade sólida porque ten a solidez fáctica deste Estado e ten con el todos os partidos estatais, mais a recuperación da autonomía carece de apoio ningún, naceu con fórceps e sen que case ninguén quixese o seu nacemento. Lembro a figura solitaria daquel Antonio Rosón no balcón de Raxoi declarando o 25 de xullo de 1979 “Día Nacional de Galicia” e paréceme vista hoxe totalmente irreal.

E en Santiago comezouse a celebrar unha romaría xeitosa, “o banquete de Conxo”, un ritual celebrador dun brinde pola liberdade fronte ao absolutismo borbónico. Son precisos os rituais cívicos, se non non se farían, aínda que este soamente é un eco cativo da grande ousadía que foi a revolución política nacional e social baixo a Xunta do Goberno da Galiza. Está ben lembrarmos os brindes pola liberdade, máis completa había ser a cousa lembrar a liberdade realizada durante vinte e un días e levar flores ás escaleiras de San Martiño Pinario, de onde saíron vencidos aquel 24 de abril. Se só houbese que lembrar un momento da nosa historia, aquel no que fomos libres.

Comentarios