Opinión

O meu país non é iso

Tras ver nunha canle de televisión a entrevista a un narcotraficante en relación cun seu amigo que preside a Xunta de Galicia é difícil manter o ánimo. Cantas oportunidades levamos derramado nos últimos tempos para chegar a esta situación indigna. Estamos nunha situación indigna. A Galiza é para os españois Marcial Dorado, Núñez Feijóo e marisco barato.

Así e todo, dentro da nosa miseria esa entrevista fíxome rir ás veces. O reporteiro non tiña ben preparada a entrevista, debeu pensar que era cousa miúda, e aínda que era experimentado bateu cun artista do escapismo. Évole nunca daría pillado a planeadora de Dorado pola ría. Este fixo un alarde de astucias e trapalladas que levantaron unha cortina de fume e fariña que non deixaba ver nada, o xornalista preguntou o que lle acordaba e o entrevistado dixo o que lle petou e dixo que non dixo e non contou nada. Recoñezo que me fan rir eses alardes do suposto galego ignorante cando desafía, marea e burla ao enteirado de vez.

Con todo, alí saíron os nomes de Feijóo, Rajoy, Romay Beccaría...Nun país democrático..., xa saben vostedes, para que seguir. A nosa indignidade, os políticos que nos luxan. Como país somos mellores que eles, mais estamos presos deles.

Narcopolíticos e corruptos son a imaxe de nós para España e que somos para nós propios? Coido que temos interiorizada a imaxe do escravo derrotado, a nosa impotencia. A derrota histórica sumiunos na desidia e na entrega. Un país falto de orgullo que acepta a imaxe que os demais dan de nós porque nós non temos a capacidade de crear o noso propio espello, mirámonos no espello que nos poñen diante os nosos amos. Iso é o que denuncian as camisetas negras dos traballadores e traballadoras da RTVG, que nos negan o instrumento para poder construír unha imaxe propia de nós. Iso é tamén o que explica a necesidade de que exista este xornal, “Nós”.

Non somos un residuo etnográfico para que España ría de nós, non somos españois que falamos mal o castelán, somos un país cunha lingua de seu, a nosa. E non somos unha terra de emigrantes, ninguén nace “emigrante”, somos un país sometido a un centralismo depredador que leva as nosas riquezas, as nosas industrias, o noso aforro e detrás diso marchan os nosos mozos e mozas.

O único que afronta narcopolíticos e corruptos e a dependencia da corte madrileña é o termos forzas políticas soberanas. O único que nos salva.

Comentarios