Opinión

O importante e o urxente

Se marcha a luz mentres escribo isto estas palabras serán perdidas, mentres que o apuntamento que escribín hai un pedazo con tinta sobre a páxina dun caderno aí o está e, se non hai novidade, aí seguirá. De feito teño caixas cheas de cadernos escritos desde hai trinta e tantos anos, quilos de papel escrito con destino incerto, mais até agora duraron. O papel dura, vai durando, e agora “Blogaliza” vaise.

Hai uns vinte anos, por motivos de pura supervivencia, abrín unha páxina en Internet, daquela penso que nin se chamaba “Rede” e tampouco non se inventaran os chamados “blog”, contratei que me abrisen unha web de empresa e utiliceina precisamente con esa finalidade dun blog: ter un modo de expresión persoal para me poder defender e dicir o que me petaba sen que me censurasen. Chameille “Botelha ao mar” e duroume uns poucos anos, logo non tiven vida xa para seguir actualizando a páxina e logo a empresa coa que contratei a web cerrou e a miña páxina desapareceu.

Hai uns vinte anos, por motivos de pura supervivencia, abrín unha páxina en Internet, daquela penso que nin se chamaba “Rede”

 

Uns anos despois persoas amábeis e xenerosas rescataron, non sei ben como porque diso nunca cheguei a saber, aquelas páxinas e así recuperei algúns textiños breves que fora deitando alí.

Outros poucos anos despois ocorréuseme, e agora non lembro o motivo nin as circunstancias, volver abrir unha páxina e contratei con Blogaliza “Suso de Toro Blog?”. (O interrogante supoño que llo puxen porque non hai cousa que faga na que non teña dúbida e hai tempo que souben tamén que o meu lugar é e mais será sempre incerto e inestábel). Alí fun metendo toda canta cousa se me ocorría e publicaba, nun lado en galego e noutro en castelán. Agora cerra definitivamente Blogaliza, mágoa, e novamente todo iso volve ser unha garrafa que vai ao mar. Non hai que facerlle con Internet, non dura. Esa é a miña experiencia, o que aí pos esváese.

Non hai que facerlle con Internet, non dura. Esa é a miña experiencia, o que aí pos esváese

 

Como non durará o que levo escrito aquí nestas feiras nestes xa dous meses seguidos, son materiais conscientemente perecedoiros. Momentos que non serán lembrados.

Internet é a estrutura necesaria para que exista o mundo actual, a nosa civilización está a ser dixital, nin se me ocorre discutila, simplemente é, está na realidade e mesmo pode que sexa axiña “a realidade” (“A Sombra Cazadora” trata dese medo). Mais constato que sigo a comprar libros en papel e que cada vez quero máis ler no papel e quero que o texto literario teña cara e corpo, e quero suxeitalo, e quero subliñalo e quero saber que está aí, realmente aí, nun lugar certo.

Dinme tamén que a tendencia entre a xente nova no Reino Unido é precisamente voltar á lectura de libro en papel. E non por ensoñación saudosa senón por sentido práctico (á fin pode que a poesía tamén resida nun sentido práctico da vida).

Sigo a comprar libros en papel e que cada vez quero máis ler no papel e quero que o texto literario teña cara e corpo

 

Probabelmente pouco e pouco vaise ir resituando o lugar de cada cousa e o lugar do texto literario ou de ensaio vai ser unha superficie onde o texto estea escrito e fixado, mentres que a información que flúe e segue en marcha e os lugares de debate de actualidade sexa a superficie vibrante das pantallas.

O importante durará destilado nos textos fixados e o urxente é o que nos atorda na actualidade, nunha actualidade estúpida, deliberadamente absurda, como a que nos ofrecen os medios de comunicación madrileño españois que nos din que a actualidade é se a presidenta da comunidade autónoma de Madrid aprobou enchufada asignaturas e un máster mentres o estado encerra políticos demócratas, detén a particulares que acompañan ao presidente exiliado. Mentres o estado español está sendo sinalado pola opinión pública internacional como o que é, novamente un estado cárcere das liberdades e das persoas libres.


 

Comentarios