Opinión

"O experimento Rajoy"

Desde que os poderes económicos e do estado, uña e carne, conseguiron convencer a unha parte do electorado de que Rajoy era a solución á crise económica e desde que o PP entrou a gobernar estamos vivindo unha época histórica moi concreta. Acabará tendo un nome, aínda non o ten, “bienio negro” xa non vai ser porque xa van alá máis anos...

O roubo á sociedade encubriuse coa desculpa de que era “a crise” e mais “a culpa de Zapatero” e coas mentiras, “España non foi rescatada”, “non houbo rescate bancario”... As mesmas de agora cando o dos sobres di que non hai diñeiro no estado e, coa cumplicidade e os votos do PSOE nas cortes, impide que saibamos como e canto diñeiro se lle deu aos bancos. As mesmas de agora cando os galegos, ademais de pagar a autoestrada, que Fraga e o seu vicepresidente Feijóo decidiron que seguise sendo de pagamento, pagaremos tamén as autoestradas madrileñas pois Rajoy vaille soltar outra saca de cartos a Florentino Pérez.

Se o roubo económico se fixo sempre buscando coartadas o roubo democrático fíxose sen vergoña ningunha. A regresión ao franquismo é o que estamos a vivir, o baleiramento democrático deste estado é o que estamos a vivir. Fica a casca baleira para que os franquistas podan dicir, “ya que hay leyes eso significa que éste es un estado de derecho y hay que cumplir las leyes.” Rajoy lévanos facendo tragar pequenas doses de franquismo progresivamente para que o noso corpo se inmunice. Unha culler hoxe e outra culler a semana próxima, até que un se vai afacendo e calando. Primeiro fago unha lei da Xustiza que impide que a cidadanía teña o amparo da xustiza e, coa mesma, someto o Tribunal Constitucional ao ditado do Goberno. Segundo, fago unha lei Mordaza para que a vida pública sexa un asunto de “orde pública” e o estado sexa un estado policial... E así mes tras mes.

A regresión ao franquismo é o que estamos a vivir, o baleiramento democrático deste estado é o que estamos a vivir

 

Vivimos o experimento Rajoy, que ten dous aspectos: un experimento de reconversión do sistema financieiro e económico baseado na hipercentralización na corte madrileña e un experimento de obrigarnos a aceptar de novo o franquismo.

A Garda Civil finalmente acaba de entrar no Palau da Generalitat. Só lles queda ocupar TV3 e logo irán a polos vascos. No en tanto nas cortes simplemente non hai oposición pois esas doses de franquismo administradas regularmente teñen aparvada á opinión pública española e os partidos españois sábeno ben. Confórmanse con pedir a Rajoy que suba as pensións e que se poña tamén un lazo lila. Moito debe rir Rajoy ante tanta cumplicidade disimulada do PSOE e Ciudadanos e tanta impotencia e cautela de Podemos.

A Garda Civil finalmente acaba de entrar no Palau da Generalitat. Só lles queda ocupar TV3 e logo irán a polos vascos

 

O mozo Emilio Cao, xunto cos sindicalistas presos, os cantantes de rap, os cidadáns que “chían” twitters en liberdade, cos centos de cataláns agredidos e multados, os presos e os exiliados...., son doses de franquismo que tragamos. Si, estamos a vivir unha experiencia histórica, o “Experimento Rajoy”.

Comentarios