Opinión

Negros, negras

Hai cousas que non se poden medir, as estatísticas mesmo poden servir para ocultarnos esa realidade que queremos coñecer. É o caso da situación da muller, que estatística pode recoller o que é ser muller cada día na rúa, no traballo, na casa, no leito, no transporte público? Os homes podemos achegarnos a saber da discriminación a través das estatísticas, mais cabalmente descoñecemos a experiencia de ser muller.

O mesmo acontece co racismo. É significativo o achegamento que fan dous artistas, Castelao e Lorca, cando se encontran coas persoas de raza negra en Cuba e New York. Os debuxos dun e a poesía do outro expresan asombro e fascinación sensual pola presenza física da negritude, ese descoñecido para eses dous caucásicos.

Mais non é o mesmo unha persoa negra na África que nunha xangada, “patera”, unha rúa de Holanda, na feira de Padrón ou nun burdel. E non é o mesmo en Cuba, no Brasil ou en EE.UU., onde as persoas negras non son inmigrantes ou fillas de inmigrantes e tampouco son considerados naturais de alí, son descendentes de escravos e escravas. De persoas secuestradas na súa terra.

A súa situación pode ser vista mellor por contraste coa poboación de orixe inmigrante “latina” ou “hispana”. Lembro as miñas dificultades para expresar algunha cousa nun hotel de New York a un empregado negro e como apareceu inmediatamente un latino que recoñeceu o meu sotaque e me falou en español e me solucionou o problema. Naturalmente foi el quen levou a propina, observado con estupefacción e un algo de xenreira polo empregado negro. Cal era a diferenza? O negro era alguén “verdadeiramente” norteamericano e o outro era un inmigrante e malia iso o hispano movíase con máis dilixencia e resultados.

As persoas inmigrantes afrontan dificultades novas, teñen que ser máis espelidas e activas que as nativas. Ese é un factor que marca a competitividade entre esas dúas comunidades, porén hai outro factor decisivo. Ese hispano, aínda que pretenda asimilarse norteamericano e que os seus fillos sexan “verdadeiros” norteamericanos, ten unha outra identidade, mexicano, salvadoreño, colombiano...Mesmo ten país onde voltar se fracasa alí ou se quere voltar triunfante. Mais o negro non. O negro non é aceptado como “auténtico” norteamericano, é un hóspede incómodo. Son persoas ás que se lle quitou a súa terra e lingua de orixe, a identidade de pertenza, non teñen retirada. Expoliadas de todo. Non hai roubo existencial como ese.

Comentarios