Opinión

Implicadas

(Cando me puxen neste desafío de publicar cinco apuntamentos consecutivos cada semana tiña xa medo de que resultase obsesivo, e aínda vai ser. Acordei a noite pasada co soño de que esquecera enviar o apuntamento correspondente. Xa non estaba eu afeito a estas ansias. Hoxe vai de “Implicadas”)

O domingo pasado, as “Implicadas no desenvolvemento”, a ONG galega, feminista e solidaria, fixeron o seu festival para recadar fondos para os seus proxectos. O que recolleron este ano coas entradas será para un traballo contra o infanticidio en catro novos bloques do distrito de Salem, en Támil Nadu, no sur da India. As Implicadas non se conforman con razoar o feminismo e o anticolonialismo, pasan á acción e traducen as palabras en feitos. Non se perden en sarillos teóricos senón que as teorías e razóns transfórmanas en realidades, un pragmatismo lúcido e valente. Son unha verdadeira lección para quen diga que quere cambiar a realidade social.

E o seu festival xunta cada ano xente diversa e do mellor que constrúe tamén un país mellor. Algunha xente de letras e teatro e artistas da música que lle fan pensar a un. Sonia Lebedynski, Atrás Tigre, Xacarandaina ou Mounqup. Músicas do máis variado que deseñan un país complexo e diverso, porque todo país contemporáneo ten que integrar dentro a diversidade que chega e nos arriquece e nos fai máis vivos. Mais nunca nunca deixaría eu de ter un lugar para xente como a de Xacarandaina, iso non pode ser contemplado nunha pantalla, precísase a presenza, o acto, o momento. Xacarandaina executa actos, crea momentos que nos fan sentir soidades da nosa tribu, e cantando elas e bailando eles e mais elas con esa graza farruca desexamos estar e sermos galegos, galegas.

Non se pasa nada por sabérmonos xente do noso tempo aberto e sabérmonos tamén de aquí desde aquí.

(E hoxe arranca no parlament de Catalunya unha nova fase da crise de estado que levamos a vivir desde hai meses. Vai ser unha nova viraxe frenética que ninguén sabe onde acaba.)

Comentarios