Opinión

Evidente de máis

Este artigo é evidente de máis. Vénme feito xa, entrégamo a actualidade. Un presidente de Goberno español reúnese coa presidenta da comunidade autónoma madrileña rodeados de ducias de bandeiras borbónicas e da comunidade de Madrid e unha semana despois pactan acordo entre os dous gobernos para decretar as medidas contra a pandemia no conxunto das cidades españolas. Evidente de máis, difícil ser máis claro.

E mais non, aínda se pode ser máis claro. Foino a tal presidenta da comunidade de Madrid, que anteriormente leváballe a páxina de internet ao can dunha presidenta anterior, cando dixo que “España es Madrid” e mais “Madrid es España”, todo a mesma cousa. E nós riamos e unha semana despois tragamos.

Evidente de máis. Ten que haber algunha cousa que non vemos e que explique o descaro do centralismo colonial da corte parasita que chucha en nós e que impón os seus intereses e a súa ideoloxía. Ocorreu algunha cousa nova nestes anos que explique que o nacionalismo madrileño se mostre con tanto descaro. Algunha cousa que explique que o Estado se mostre tan posfranquista como xa era antes e disimulaba sequera, dicían que era una “democracia consolidada”.

Supostamente quen manexa a escena política e social no medio dunha situación económica e sanitaria de excepción é Pedro Sánchez. Sánchez é un político que demostrou un temperamento que lle permitiu sobrevivir ao seu propio partido, capaz de renacer e liquidar adversarios. Mais na política democrática, ademais de coraxe, son precisos os principios, senón vólvese autoritarismo. E Sánchez demostrouse capaz de cambiar de posición dunha semana para outra e de principios como algo natural. Demostrouno cando Rajoy e Felipe VI enviaron policía militarizada a Cataluña e golpear votantes e primeiro condenou esa violencia e unhas horas despois cerraba filas con esa violencia impropia de país civilizado.

A xestión da pandemia foi mal levada desde o principio, que a dereita demostrase irresponsabilidade máxima non mellora esa xestión. E a súa debilidade política fai que se mostre finalmente o que é, parte da corte madrileña máis centralista. Demostrouno na pandemia, centralizando todo por decreto para agochar a situación da capital e demóstrao agora recoñecendo que Goberno e esa autonomía forman un mesmo poder madrileño.

O mesmo día que Ayuso goberna sobre todas as cidades españolas o concello madrileño borra das rúas os nomes de Largo Caballero e Indalecio Prieto. Franco e Santiago Bernabeu seguen aí.

Comentarios