Opinión

Empezo a sentir a brisa

“Se fan sufrir é porque sofren”, di unha personaxe do filme O que arde, do Oliver Laxe. Unha consideración moi aberta mais que encerra unha verdade moi nosa, somos un país lastimado. Algunha vez téñollo dito a algún amigo de fóra que pretendía sinceramente comprendernos, “mira, na Galiza a xente nada máis quere ser querida. Non imaxinas o que agradecemos que nos recoñezan e nos respecten, o cariño.”

Nese filme ese sufrimento refírese concretamente aos eucaliptos por invasivos. É certo, boa parte da opinión pública, a máis implicada co país como tal, reacciona emotivamente ante a mera presenza desas árbores. Hai motivos para preocuparse, é claro, mais non trato diso aquí, o que quero dicir é que nos afecta realmente no ánimo porque vivimos agonicamente o que entendemos que é a destrución mesma do chan do país. Como calquera outro asunto ese é un tema que pide racionalización, debate e políticas concretas mais somos unha sociedade tan débil en vontade e conciencia política como emocional.

E ocórrenos iso, os nosos desbordamentos emotivos que máis que sernos útiles resúltannos momentáneos desafogos sen consecuencia, con tantas cousas. Ocórrenos coa lingua, que sentimos que desaparece, ou mellor, que nola asasinan. E ocórrenos co campo, que leva décadas sen unha política estratéxica. E así con todo, sabémonos país ferido.

Esa falta de consecuencia entre as nosas emocións e os nosos actos é o que nos mantén sometidos ao espolio e á decadencia. Hai unhas causas obxectivas que están na orixe do encollemento demográfico, do fracaso de moitos proxectos de todo tipo e todas teñen a ver coa nosa dependencia, un poder centralista e parasitario que vive das súas provincias, dos territorios que controla e dos que se lucra. Cada vez custa máis ouvir queixas de persoas que logo dan o voto e o apoio a políticos madrileños que veñen de visita en tempo de campaña electoral.

Temos desde sempre políticas pensadas desde nós para solucionar os nosos problemas, non nos falta intelixencia nin capacidade, o que precisamos é algo que non é medíbel, unha ilusión lexítima nacida e fundamentada nesa estratexia soberana. Precisamos a enerxía e a esperanza que dá un alento nacional. Precisamos sentir esa brisa nacional que vai crecendo e crecendo. Empezo a sentir a brisa.

Comentarios