Opinión

O dereito de expresión e manifestación está derrogado por M. Rajoy

Europa está a descubrir, tarde piaron, o que é a “democracia” española. Calquera día descubrirán a través de Google Earth o Valle de los Caídos e a Fundación Francisco Franco. Pode que tamén os cárceres a onde levan lonxe dos seus aos presos políticos deste estado, aínda que van precisar un mapa complexo porque non deixan de aumentar os delitos políticos.

Catalunya é un país ocupado. Cando o Borbón acode alí a celebrar á Xustiza nun acto onde o xuíz Llarena está presente, como consorte, e os seus compañeiros de profisón pasan saudalo un tras doutro en beixamáns e nese acto só está presente o ministro de Madrid e ningunha autoridade catalá..., esa xustiza é unha xustiza colonial, carece de independencia e obedece a unha política colonial. Non é un xuízo, é unha constatación.

Os españois, encerrados na bocha mediática do poder da corte, descoñecen o que está a ocorrer na Catalunya, logo de asaltar a Generalitat e encerrar aos gobernantes, isto é literal, o estado utiliza a extrema dereita para perturbar a orde social e a vida diaria dos cataláns. A extrema dereita campa e, como acaba de denunciar a xornalista Pilar Rahola, os “mossos” teñen orde do Goberno de non investigar a extrema dereita. Isto é, a cidadanía catalá está a mercede dos nazis, que contan coa complicidade da policía. Todo o que leva ocorrendo en Catalunya é monstroso desde o punto de vista democrático e son feridas que non teñen reparación. Ningún goberno español futuro, nin ningún Borbón, terán o asentimento xa da sociedade catalá. Madrid gobernará sobre esas persoas, mais non democráticamente, só pola forza.

Ningún goberno español futuro, nin ningún Borbón, terán o asentimento xa da sociedade catalá

 

Que a Garda Civil siga detendo funcionarios da administración catalá en relación coa organización... dun referendo, xa non é noticia. É noticia que definitivamente o exercicio do dereito á protesta xa é ilegal na Catalunya e ninguén se engane, en todo o territorio do estado. Cidadáns cataláns detidos por cortar estradas en protesta e por saltar a peaxe das autopistas catalás coas que se lucra Florentino Pérez... Catalunya xa estaba baixo estado de excepción, agora aplícanlle a lei antiterrorista. Así estivemos nos últimos anos do franquismo, con estados de excepción e aplicación de lei antiterrorista a toda oposición política. O Reino de España regresou definitivamente ao ano 1975, o estado da Lei Mordaza é un estado mordaza.
 

Comentarios