Opinión

Chámase franquismo

A nosa mente non é razoadora, é mítica. E, ademais de sempre desexar, sempre te-memos. Deixamos de desexar coa vellez mais nunca deixamos de temer.

Hai uns anos, tampouco tantos, entrou na nosa imaxinación un novo medo, a bomba de neutróns. Xa ninguén lembrará. Viña ser unha bomba “limpa”, mataba e non luxaba. Tras a bomba o mundo non serían ruínas, todo ficaría enteiro e nós e demais seres vivos, non sendo formigas e cascudas, mortos. Esa fantasía dun mundo enteiro e baleiro de rúas silenciosas e desertas xa se nos fixo máis familiar estes días de confinamento.

Ando a escribir unha historia de familia, a dos cirurxiáns Baltar, e encontro unha estampa en 1918 coa epidemia de gripe en Rianxo. Alí está a familia Baltar a veranear na súa torre de Tanxil e a que o andazo é evidente e acaba coa xente, don Ángel Baltar, encerra a familia nese chalé, anos despois o seu fillo Ramón lembrará a don Ángel saudando a familia desde lonxe. O doutor remángase, chama por Castelao, que nese entón é funcionario na Deputación de Pontevedra, que veña axudar facer de médico. Castelao xa traballara de practicante no Hospital Real con don Ángel. E eles dous atenden o vecindario, como lembra unha placa no concello rianxeiro, e aforraron mortes. E fixérono como médicos, non se lles ocorreu apuntarse á Garda Civil nin ao Exército para facelo, meter o Exército no medio e diante dos sanitarios é cousa que só é concebíbel polo que pasou anos despois, a Guerra Civil e o franquismo. Non hai outra explicación.

Os nosos gobernantes e a súa oposición, todos os partidos españois están enchoupados da ideoloxía incivil do franquismo. Non nos falan á cidadanía, fálannos a recrutas e ás nais que nos pariron. Que existan hoxe partidos explicitamente franquistas só serve para ocultar que tanto ten esquerda española como dereita española, todos están a practicar e difundir a ideoloxía militarista dese réxime que pasou por encima nosa, formou a nosa historia e a nosa ideoloxía. Franquistas quen militariza a sociedade, quen persegue a liberdade de expresión e quen os defende.

Franquismo é no que estamos metidos cando non nos podemos mover nin valer e Feijóo controla a radio e televisión pública e os medios privados. As próximas eleccións serán o mesmo que foi o referendo dos “25 años de paz” de Fraga e Franco, unha burla.

Comentarios