xoves 02/12/21

Alberto, Mariano, Bieito e Florentino

Nesta aldea perto do mar hai uns días o lixo caía por fóra dos contedores a rebentar e amoreábase en calquera sitio, o cheiro padéceo o vecindario. Mais aos amos da empresa de recollida do lixo non lle chega porque están en Madrid. Un veciño dime que é a empresa de Florentino Pérez, eu non o sei. Tampouco sei se é certo que é empresa súa unha que serve a comida nos hospitais, se é unha empresa súa... Florentino Pérez é un fantasma que está diante dos nosos ollos e que ninguén sabe nada del. A Florentino Pérez pódeselle ver nas televisións mais del non se pode falar e ninguén fala. Ninguén nos fai o retrato dese gran cortesano conseguidor que nunca creou unha empresa que producise PIB e que acumulou unha fortuna chuchando do estado, ou sexa de nós.

As patas da araña que é Florentino chegan desda a Corte a todo curruncho do estado español, ninguén como el retrata o sistema político económico propiedade dunha oligarquía cortesana radicada en Madrid e que expolia a riqueza, as oportunidades, a populación dos lugares deixando esa España non “vacía”, senón vaciada. Ninguén como Florentino encarna o parasitismo improductivo do capitalismo español e o que supón o poder madrileño para a xente. E Florentino achegouse a xantar a Cedeira seique convidado por Bieito Rubido, antes director de La Voz de Galicia e agora do ABC (De Bieito terei que falar un día e contar como se rebaixou até a obsesión para perxudicarme, deixando atrás calquera ética ou sentido da profesión para póla ao servizo do poder político de Fraga. É outra historia). Mais Rubido tamén convidou a Rajoy e a Feijóo. E quen pagou o xantar? ¿De qué falaron?

Ninguén nos fai o retrato dese gran cortesano conseguidor que nunca creou unha empresa que producise PIB e que acumulou unha fortuna chuchando do estado, ou sexa de nós.

 

O xantar pagámolo nós, non o dubiden, dun xeito ou doutro pagamos a cidadanía aos nosos parásitos. Do que falaron tamén o sabemos, sen dúbida do próximo pedazo de infraestructuras ou sanidade ou servizos públicos que van devorar as empresas cuxos intereses representan Rajoy e Feijóo ou directamente Florentino.

O tremendo é que ese xantar si debera ser noticia e non o foi non sendo nunha web. A pregunta que deberan contestar os xornalistas debera ser esa: a que veu Florentino a Galiza da man de dous individuos que fixeron a súa carreira política desfacendo o noso país, traizoando os intereses dos seus habitantes e poñendo os seus cargos ao servizo dos intereses deses cortesanos madrileños? E o que debera ser noticia non o foi.

  

Alberto, Mariano, Bieito e Florentino
comentarios