Opinión

Voadora

Xa está aquí a miña estación favorita.

E podo dicir a mesma frase deste e do outro lado do charco. Sen dicir alburgadas. Gran parte da miña vida gocei con alborozo cada setembro, da chegada da primavera. Esa festa do renacer, do espertar á vida, aos sentidos, aos novos perfumes. Co sangue alterado recitaba a Neruda, ondeaba as novas bandeiras da liberdade e choraba polos ausentes.

Tiña enerxía abonda para ir de manifestación durante horas, despois ao barrio tocar o tamboril, bailar candombe, amasar tortas fritas e deixar florear a pel nalgún soportal escuro.

Hoxe en día, que son máis de escoitar a Koko Taylor, recibo este outono no medio dunha rara sensación de pasmo e incertezas. Toca fechar o ciclo das colleitas dun ano no que o sementado deu pouco e mal. Eu que son voadora, case sinto que non merezo o goce de me transformar en folla que leva o vento, en lume que caldea o lar. Noutros outonos tería as maletas prontas para levar mil historias por teatros e bibliotecas.

O que non lograron os militares, estao a conseguir un mísero becho: deixarme na casa.

E négome.

“O meu traballo é substituír esquecementos”, non é imprescindible, pero si necesario.

Sobra quen quixer que este fose un tempo de tebras, de sentirmos a trabada do medo, decontino. E no medio desa néboa, chegan os de sempre ditando prioridades. Que nunca son as de aqueles e aquelas que camiñan pola rúas. Agora que toca a caída da folla, que non caian tamén as árbores. Ou non teremos primavera.

Comentarios