Opinión

Virtudes de outono

Igual agora si, pero no Uruguai, onde nacín, nunca se celebraron os santos. 

Así que paso por descortés moitas veces porque non saúdo a xente que me rodea e sorpréndome cando hai quen me chama polo nome da miña santa.

Cómpre dicir primeiramente que o meu nome non me gusta nada. 

Como escribiu alguén en twitter, paréceme inxusto que haxa mulleres Angustias, Dolores ou coma min, e non homes que se chamen Abafo, Espasmo ou Barullo.

O meu nome non me representa, desde sempre son unha muller arroupada por persoas. Soidade, pouca.

Caso precisala, que me pasa coma a todos, bótome ao monte coa cesta de vimbio e recollo cogomelos ou herbas medicinais mentres converso comigo mesma.

No medio de tanto silencio calquera continxencia se vira mansío co renxer das follas, o recendo dos boletos, as uvas maduras ou dos sabugueiros.

Nada como andar estes días por vieiros avesíos e húmidos, atravesados por raiolas douradas, mentras os ríos baixan cantando… esa soidade si que me chama.

E que conste que a santa traballou arreo para estar no canon católico, pero, caso me desen a escoller, dubido entre a de Barracas, do tango, Montoya, a de Lorca, a de Cen anos de García Márquez ou a colombiana Acosta Samper, historiadora, xornalista e noveladora, que contra finais do século XIX anticipou o feminismo en toda a América Latina.

Coa miña non comungo, pero con tostado de ribeiro e torta de castañas recén apañadas, brindo polos vosos santos que malo será non levar algo. Si teño que escoller virtudes, prefiro as do outono. Hai color!

Comentarios