Opinión

Futuro

“Me gustan los estudiantes”, cantaba Violeta Parra. E eu, sen saber a letra enteira da canción, cantaruxo a melodía mentres percorro a zona nova de Compostela.

Cada ano repito o ritual de ver neste setembro, que xa semella outonal, o florecemento de beirarrúas, xanelas e rúas. A mocidade sempre recende a primavera.

Velos, procurando a súa xanela nesa fachada gris da que en nada pendurarán bandeiras, consignas ou grilandas.

Os pais descargan maleteiros, caixas, taboleiros e mobles, deses que sempre se gardan no faiado por se alguén os precisar. As nais guíanos polo supermercado, nun baldío intento de facilitarlles un menú saudable, esquecendo que nesas idades todos precisamos perverter o estómago para reducir a efervescencia de alma, ideas e pel. Ben se ve cales son os novatos, e cales os veteranos. En nada, chopo en man, ninguén os vai distinguir.

Lembro o meu primeiro día de estudante na capital, unha conmoción. Mirando o alto dos edificios, tentaba non parecer da aldea, pero o pantalón alisadiño e a blusa de flores eran un neón na miña cabeza. Pregunteille a un mozo pola parada do meu bus, e el, en dicíndome que alí lle chamaban “bondi", agregou: -Pero hoxe temos manifa e ti ves conmigo "morocha"!

Chamábase Nico, xa vos contarei da súa vida outro día.

Enleoume nun río de voces que reclamaba orzamentos para educación. Ese día entendín para sempre que dicía ben Violeta “os estudantes son o fermento do pan que vai saír do forno con todo o seu sabor”.

Hoxe máis que nunca precisamos do pan novo.

Comentarios