Opinión

É a hora, é o momento

Non é novo para o BNG o que está a pasar con Ferroatlántica, é a consecuencia do que vimos avisando fai xa tempo, a separación física da produción de enerxía e as fábricas de ferroaliaxes. 

Tralos últimos acontecementos, nos que queda clara a intención de Villar Mir de vender as centrais do Xallas para tapar os buratos económicos da súa construtora, e ademais, investir en Sabón e Puertollano (propiedade do seu xenro), TEMOS TOD@S un problema dos grandes, tan grande que pode significar a “MORTE” da Costa da Morte. 

É necesario calibrar exactamente a magnitude da posible desaparición da actividade en Brens e Dumbría. Vivimos nunha comarca que pasa por ser das máis atrasadas, economicamente falando, do país. Os datos que saen nos medios cada pouco, dan proba diso. Cada día menos peixe no mar e menos barcos que dean traballo, menos explotacións gandeiras, e as que quedan malviven por non poder producir en condicións, a actividade industrial segue ausente, o turismo, aínda que importante, segue a ser estacional, resumíndoo moito, menos oportunidades de facer vida onde nacemos. Pola contra, si somos punteiros en desemprego e en emigración.

É necesario calibrar exactamente a magnitude da posible desaparición da actividade en Brens e Dumbría. Vivimos nunha comarca que pasa por ser das máis atrasadas, economicamente falando, do país

Somos cada día menos os e as que aínda habitamos neste esquecido recuncho.  

Non creo, para nada, na teoría de que as fábricas serán realidade mentres sexan competitivas, e non pola capacidade humana que hai nelas, que me consta que é boa, senón porque creo na outra teoría na que di que hoxe é imposible competir, neste mundo sen fronteiras, con países onde a man de obra e os custes enerxéticos son moito máis baratos. Pero podemos contrarrestar iso, para iso temos recursos naturais que debemos usar para  manter viva a produción das fábricas, temos ríos que ELES aproveitan  para converter a auga da nosa choiva, en suculentos beneficios, e mal que lles pese, a auga e os ríos son de aquí e non de Madrid. 

Con este panorama chegou o momento da acción, é hora de dicirlle a quen nos goberna, a Feijoo SI, que non hai maioría absoluta que poida hipotecar o futuro dos nosos fillos e fillas aquí, en Cee e na comarca. É preciso  concienciar a todo mundo de que se as fábricas non están, o comercio local desaparecerá, que os bares e restaurantes non terán a quen atender, que os hipermercados non terán a quen vender os seus produtos, e así con todo o tecido comercial. Trala desaparición das industrias, irá o peche en cadea da maior parte deles.

Temos ríos que ELES aproveitan  para converter a auga da nosa choiva, en suculentos beneficios, e mal que lles pese, a auga e os ríos son de aquí e non de Madrid

De se facer realidade, o efecto dominó que se produciría sería inmenso, terrible.

O futuro está aínda nas nosas mans, se somos quen de parar as intencións espurias de imbéciles e escuros, e para iso cómpre unión e mobilización.  Fagámolo por nós e polos que veñan despois.  

Comentarios