Opinión

Adianto das eleccións españolas

Pedro Sánchez adiantou as eleccións españolas para o vindeiro 23 de xullo. Isto é consecuencia dos malos resultados do PSOE e dos partidos que están á esquerda deste nas eleccións municipais.

O PSOE a nivel de Estado perdeu moito poder territorial e a súa esquerda non soubo unirse e crear algo atractivo para o electorado.

Desta volta parece que si que están decididos a pactar entre eles; algo moi preciso para conseguir, polo menos, seguir acadando melloras sociais como foi a subida das pensións por parte de este goberno de coalición, e non deixarnos cun miserable 0,25% como xa se fixo nos gobernos do Partido Popular.

Se o PSOE máis a súa esquerda son quen de conservar a coalición poderanse conseguir vantaxes sociais que xa está propoñendo Podemos.

O PP de Núñez Feijóo parece que está tranquilo e que aspira a gobernar. Ese é un tema que teremos que resolver toda a cidadanía o 23 de xullo.

Na Galiza di Rueda que el non ten as présas do PSOE; supoño que el o que quere é gañar tempo para darse a coñecer diante da cidadanía galega.

Na Galiza non é descartable un goberno presidido polo Bloque Nacionalista Galego como xa imos ter na Alcaldía de Compostela con Goretti Sanmartín.

O día das eleccións municipais o PSOE apresurouse en Madrid a quitar a propaganda electoral da sede de Ferraz e ao día seguinte xa anunciou Pedro Sánchez o adianto das eleccións xerais.

O Goberno español fai cousas que repercuten na Galiza, por iso é tan importante que o Bloque Nacionalista Galego teña presenza nas Cortes Xerais de Madrid. Isto sería o primeiro a conseguir. O seguinte sería acadar a presidencia da Xunta polo BNG.

Vivimos tempos moi revoltos que van precisar de moita intelixencia por parte das organizacións políticas que hoxe apoian a este goberno, contando tamén con galegos, cataláns e vascos.

Comentarios