Opinión

“París era unha festa”. Occidente é unha festa?

Os investigadores encadrados nas Ciencias Sociais e Humanas somos conscientes de que analizamos moi ben o pasado, temos algunhas dificultades co presente e caracterizámonos tamén por cometer importantes erros nas previsións do futuro. Vaia isto por diante para entender esta reflexión. Penso que nos topamos na saída da crise pandémica, e que do mesmo xeito que no final da IIª Guerra Mundial se dixo que “París era unha festa” e a fotografía do beixo de R. Doisneaux o exemplificaba (a foto estaba preparada, fíxose con modelos), hoxe a festa está dominando a chegada do verán normal despois do impacto da Covid-19. Nas festas hai moita rúa, contacto entre as persoas, reactivación económica e ás veces “baby booms”. Cómpre entón pensar que hai na nosa de xuño-xullo de 2021.

Ninguén dubida de que as persoas saíron esgotadas mental e fisicamente da pandemia. Non foi só o confinamento, foi sobre todo a duración de máis dun ano de toda esta crise. Intanxible, silente, pero sempre había algún infectado na contorna, sempre rebotaban os contaxios cando nos relaxabamos. A Covid, o seu período pandémico, ten moito de distopía. De enxeñería social que exerceu un control enorme sobre todos nós e os nosos actos cotiáns. Nesta crise foi especialmente significativo o comportamento responsable dos novos e novas. Que rapaces de 16, 18 ou 22 anos, se pechasen na casa, limitasen ao máximo os contactos directos cos amigos e a afectividade, que suprimisen as festas do seu calendario, posúe un punto de heroicidade. Como profesor universitario observeino nas aulas, nos arredores da Facultade, nunha universidade pública onde por certo os contaxios foron marxinais. O rastrexo funcionou perfectamente. E, agora, cando se percibe a saída é normal que todas e todos, en especial os mozos e mozas, retomen a rúa, a diversión, que as nosas cidades e vilas sexan una festa. Hai rebote severo de contaxios, pero poucas hospitalizacións, pois a gravidade da Covid está moi relacionada coa idade.

No plano económico tamén se percibe que chegou a festa. Hai reactivación, que no Estado español ten moito de renacemento do turismo e da hostalería que tiran do emprego. Un emprego precario, con xornadas laborais intensivas, xunto a unha volta ás ganancias de decenas de milleiros de empresas. Pode ser que volvamos ao punto de partida do 2019? Semella que si, pero os niveis de riqueza non son os de hai dous anos. O turismo non retornará ao bienio dourado 2018-19, o que está razoablemente ben. Unhas compañeiras miñas insisten en “domesticar o turismo” nos destinos masivos. Un maior reparto dos fluxos de visitantes, unha menor saturación de localidades das Rías Baixas ou en Compostela non é malo, permite ordenar, mellorar a experiencia de lecer. Pero o que resulta preocupante é que a crise non servise para repensar a economía, os sectores estratéxicos para encabezar o desenvolvemento futuro. Fálase da Axenda 2030, pero aínda non vimos nin moitos fondos nin unha reformulación produtiva de cara á unha maior sustentabilidade, á dixitalización das empresas, aos servizos sociais maltratados no anterior decenio ou cara a unha mellora xeral da competencia dos territorios. Aquí está a chave de se a festa será só unha celebración efémera ou se abre unha nova etapa razoable no económico e social, como os “trinta anos gloriosos” de 1945-75 que seguiron á Guerra Mundial e instauraron o Estado do Benestar.

E no medio da festa onde se topa Galiza? O turismo vai volver con forza, quizás máis que noutros territorios. A atracción de produtos como o Camiño de Santiago, a idea xeneralizada de que é seguro e saudable, axudan na súa recuperación. A percepción do risco ambiental, expresada no “cambio climático”, fai que Galicia e todo o litoral noratlántico ibérico se sobrevaloren como destino non caloroso. Pero na festa de fondo, na capacidade do país e aproveitar a nova fase económica que debe traer consigo a Axenda 2030 e a Next Generation pouco sabemos. Como se vai encarar a transición verde, a especialización produtiva ou o desenvolvemento inclusivo? Quen xestionará os programas? O goberno central, a Xunta, as compañías multinacionais? Temos festa de momento e non é malo divertirse estas semanas. Pero a auténtica festa no medio prazo: o reforzo da competitividade dunha Galiza económica autosuficiente, semella lonxe sen mobilización social e demanda dun auténtico autogoberno.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios