Opinión

Oligopolio. Unha nova versión do capitalismo global

Vaia por diante o meu recoñecemento a milleiros de investigadoras no ámbito da biotecnoloxía polo esforzo constante de traballo na resolución de enfermidades que nos ameazan a todas. O avance da investigación é un piar básico do progreso e o benestar humano. Pero dito isto, vamos lembrar algunhas definicións básicas. Oligopolio é unha situación de mercado na que o número de vendedores é moi reducido, de xeito que controlan e acaparan determinados produtos. En xaneiro de 2021 vivimos nunha situación perfecta de oligopolio global, tendo en conta a magnitude adquirida pola pandemia do COVID.  A situación só ten base na actuación permisiva das autoridades públicas, que deixan en mans totalmente privadas, rexidas polo lucro, medicamentos que empregados masivamente aforran de inmediato enfermidades, mortes e sufrimento.

Como xa dixen hai un mes, as multinacionais farmacéuticas están a liderar o negocio do século coas vacinas do COVID. Se esta fase do capitalismo global se definira até agora pola hexemonía do sector financeiro e da enerxía, agora a rama químico-farmacéutica volve ser a raíña. De novo, o persoal cualificado e parte do seu I+D fornécese nas universidades e centros de investigación, logo estas compañías acaparan capital, montan instalacións rendibles, producen e sobre todo distribúen as innovacións (non estritamente súas), nun mercado global de 7.000 millóns de potenciais consumidores. Un negocio redondo para a máis grande de todas, a norteamericana Pfizer, agora aliada coa alemá, BionTech, a británica (antes sueco-británica) Astra-Zeneca, herdeira en parte da Imperial Chemistral Industries (o nome xa o di todo), e a máis pequena, norteamericana tamén, Moderna, xurdida dunha contorna universitaria. Logo virán outras como Jansen e Novavac, coa novidade de que China chegou a a esta pugna con Sinovac, e Rusia volve estar, co liderado do proxecto Spuknit V. 

En moitas ocasións ideólogos e gobernantes insistíronnos nas virtudes da colaboración público-privada para proxectos económicos, con incidencia social. Aínda que esteamos bastante de acordo con este principio xeral, agora asistimos a unha situación escandalosa. Os gobernos financiaron directamente entre un 20% e un 95% (no caso de Moderna) a fabricación de vacinas anti-COVID. Outras organizacións sen ánimo de lucro tamén contribuíron, co que o capital en risco das compañías privadas foi pequeno. Ademais, os científicos, boa parte da experimentación e outros procesos produtivos dependen da existencia dunha rede de universidades e centros de capital público, que xa fixeran os seus investimentos estruturais por anticipado. E agora, asistimos a que os directivos destas empresas só procuran gañar máis, aínda que isto signifique ignorar as necesidades dos gobernos (mesmo da Comisión Europea) e das persoas en xeral. Había tempo que non asistiamos a unha actuación tan voraz do capitalismo, retransmitida en directo.

E vaiamos á Xeopolítica do asunto. A ollada que tracei está moi condicionada pola miña condición de europeo, que asiste desde unha sociedade do Norte a esta situación. Pero o conxunto da humanidade aínda ten unha perspectiva peor. Na maioría dos países a vacinación só comezou de xeito simbólico, non se sabe como se pagarán as doses ou o que conseguirá a OMS coa súa campaña de distribución xusta dos medicamentos. As compañías occidentais desentendéronse de América Latina, cuberta polas vacinas rusa e chinesa agás excepcións, de África nin sabemos, mentres no Sur de Asia é certo que Astra-Zéneca está a distribuír con Sputnik e Sinovac. Iso si, a vacinación vai moi ben en Israel (sen os palestinos), en Emiratos Árabes e Bahrein (contan aos inmigrantes semiescravos nas estatísticas?). De novo, o peor da xeopolítica contemporánea volve mostrarse: primeiro arranxaremos os nosos problemas e logo xa veremos o resto; arranxaremos seguro o do resto do mundo porque nunca se sabe se no futuro nos pode afectar. Con esta crueldade actúan parte dos nosos líderes públicos e privados, mentres as ganancias flúen. Respecto aos primeiros, cando un sector público e unhas organizacións internacionais solventes avanzarán na creación de mecanismos efectivos para actuar contra as crises globais? Agora, pagan a formación dos especialistas nas universidades, sosteñen o I+D, pero logo todo se entrega ao negocio privado, a un negocio de moi poucos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios