Opinión

Novidades e incertezas. Un tempo para saír do inverno

O inverno 2021-22 non foi duro, nin chuvioso, máis ben anticipa que as alteracións climáticas se están a producir a un ritmo máis rápido do previsto até agora. O inverno só veu dado polo alongamento da crise da Covid, asociada á variante Ómicron, que se ben foi moito menos severa, complicounos de novo a existencia. A pandemia do coronavirus xa dura dous anos de inverno sanitario, semella que vai pasar, pero co medo á difusión de novas variantes. Encamiñamos unha primavera que agroma, nun século definido polas crises: primeiro foi a económico-financeira de 2008-09, logo a sanitaria, e haberá que prepararse para a ambiental ou climática, que semella inevitable.

Nesta primavera hai trazos para o optimismo, sen esaxeracións. O mercado laboral do Estado comeza a mudar, non se sabe ben a razón desta mudanza que por fin nos achega ás medias europeas. Pero a mudanza existe. O feito de crearse máis de 800.000 postos de traballo no 2021, que o desemprego se sitúe no 13,5% a finais de ano constitúe unha boa nova. En particular nun Estado español onde o habitual foron taxas por enriba do 15% ao longo deste século e dificultades para manter o número de contratacións estables nos períodos de calma económica. Esta mudanza ten un factor evidente: o pulo do emprego público, que por certo foi denunciado como nocivo pola dereita. Fronte á destrución de prazas de funcionario no decenio 2010-20, unha certa recuperación desta variable nos últimos anos xa se nota para ben. E lembremos, os países con maior número de contratos das administracións son aqueles que posúen un superior nivel de desenvolvemento humano (IDH), como a Europa nórdica e noroccidental. Pero as melloras no mercado laboral responden tamén a outros factores, como un cambio na actitude empresarial, ao aumento do autoemprego e do traballo cooperativo, que se deben analizar en profundidade.

De facto, e estamos a insistir nisto, topámonos fronte a un novo ciclo económico de crecemento moderado, vinculado a políticas keynesianas. Unhas políticas evidentes en Estados Unidos e na Unión Europea, onde se volve considerar que o estímulo á actividade económica, o obxectivo do pleno emprego e o respaldo á regulación pública do sistema son bos. No Estado e probablemente en Galiza, esta vaga de maior gasto animado polas administracións leva o rótulo de Next Generation. Pero as ameazas de que o fluxo de capital se interrompa ou que o diñeiro se dirixa só ás grandes corporacións e a determinados sectores (como o enerxético das multinacionais), lémbranos que mesmo en fases de dominio das políticas socialdemócratas, as forzas sociais, políticas e sindicais deben manterse en garda para que as medidas acordadas axuden a un desenvolvemento sustentable e a un reparto máis xusto da renda.

Se no plano económico se instalou unha tímida primavera, no debate político seguimos en pleno inverno. Unha invernía permanente da propaganda occidental a propósito de Ucraína e Rusia; un inverno derivado tamén da falta de referentes seguros tanto da esquerda como da dereita tradicional. Cando falamos da esquerda, non cuestionamos a efectividade das campañas de promoción persoal dalgunhas lideresas e líderes que exercen no Executivo, senón de certo baleiro nas propostas. As forzas da esquerda necesitan dun pulo social e de rúa impresionante para subir en votos e chegar ao poder. Pero cando isto acontece xunto cos partidos da socialdemocracia clásica resulta difícil diferenciarse dos mesmos, que a súa vez son cada vez máis social-liberais. Por iso, os moi pequenos avances en materia laboral, de vivenda ou de liberdades, semellan un tanto decepcionantes despois da mobilización emprendida. Pola outra banda do espectro político, acontece o oposto. As posicións duras, de extrema dereita, están a contaminalo todo, até un punto onde a dereita clásica deixa de recoñecerse como forza política institucional para lanzarse a un combate escenográfico, con pouca substancia. Neste caso, o trumpismo semella que chegou para quedarse, mentres que as políticas sociais transformadoras da esquerda se esvaecen no ar.

En definitiva, o tempo entre o inverno e o verán avanza paseniño. Observemos con atención se algo está a mudar na nosa estrutura económica e mercado laboral. Tamén se os malos tempos para a política entendida como un servizo nobre pasarán ou ficarán por un longo período con nós.

Comentarios