Lumes

No mundo de mudanzas que vivimos hai situacións que se repiten. Algunhas, expresión de erros, como é a persistencia dos lumes forestais. O monte arde porque a nosa civilización moderna e capitalista fai todo o posible para que os incendios volvan en verán. Para que un impresionante aparato de combate contra o lume reduza e atenúe o impacto do fogo, que antes ou despois retorna. Dixéronnos que os lumes respondían a causas concretas: incendiarios, falta de limpeza do monte, mudanza climática, etc. Pero a causa é estrutural, o monte mal atendido, de vocación forestal e especulativa, arde nun cadro de abandono do rural. Seguirá ardendo mentres o forestalismo e a liberdade de facer o que queremos nas nosas propiedades sigan rexendo as normas sociais. Os lumes son a expresión dun fracaso colectivo nun país que presume de ter progresado moito en épocas recentes.

Hai situacións onde os terreos non arden. Así, arden moito menos canto máis ao norte imos, xa que o réxime de choivas nas comarcas setentrionais de Lugo ou A Coruña non crean as condicións propicias para grandes incendios. Ademais, non arden os montes ben coidados, porque son un negocio forestal rendible e ben xestionado (monte limpos, fanse vixilancias, etc.). Tampouco os montes en man común onde se implantou unha lóxica de xestión sustentable dos mesmos. Polo tanto, introducir criterios de ordenamento do territorio estritos, de base máis capitalista ou comunitarista segundo os casos, móstrannos o camiño a seguir. Hai que estudar estes exemplos de boas prácticas e facer que se estendan.

Os lumes son a expresión dun fracaso colectivo nun país que presume de ter progresado moito en épocas recentes

No resto do país, con maior intensidade segundo nos movemos cara ao sur e ao leste, os lumes poden xurdir en calquera momento. En particular nos espazos máis despoboados e onde se incumpren as normas de ordenación territorial. Deste xeito, as intervencións deben centrarse en reverter estas auténticas causas dos lumes. A primeira foi iniciada con bo criterio polo bipartito: trátase do banco de terras. Este instrumento adopta un enfoque correcto para reducir os incendios: desvincular a propiedade da xestión da terra, xa que cómpre afirmar que o dereito á propiedade debe limitarse cando os usos que recibe o solo non son razoables ou cando conducen ao abandono. O banco tamén fai posible ceder terras a quen autenticamente as necesita no rural: xeralmente os gandeiros con necesidade de máis base territorial, que desexan reducir a presión produtiva sobre os seus terreos, e algúns agricultores necesitados de predios favorables a determinados cultivos (viñas en ladeiras soleadas, hortas en solos fértiles, etc.). No fondo, o banco é un primeiro paso para defender os intereses dos que viven e traballan no campo fronte aos propietarios absentistas, moitas veces seducidos polas rendas que lles dan as plantacións de eucaliptos ou os terreos a monte para especular, que adoptan decisións que se traducen no impacto inasumible dos lumes crónicos.

O rural necesita un ordenamento que o cualifique e o exercicio dunha fiscalidade ambiental que penalice as prácticas inadecuadas que xeran incendios

Sen dúbida, a redución de incendios será resultado de tocar os dereitos ilimitados de propiedade que se exercen no rural galego e de reforzar a intervención pública. Non se trata de expropiar, pero si de introducir criterios estritos de ordenación do territorio fronte á catástrofe. Neste senso, cómpre modificar unha tradición española de leis do solo (urbanísticas), traspasadas ás autonomías que só pensaban en ordenar o urbano e o urbanizable, cualificando o resto do espazo como non urbanizable ou rústico; dito doutro xeito, incapaz de producir moitas rendas. Por iso, a xente pensa que plantar eucaliptos agardando que a finca se converta en solar, deixar a terra fértil a campo por si se vende ben, etc., son actos intelixentes. O rural nunca tivo dereito a ser un tipo de solo de seu, o monte só serviu para producir moita madeira, e así, xunto co despoboamento veñen os lumes. Por iso, o rural necesita un ordenamento que o cualifique, e o exercicio dunha fiscalidade ambiental que penalice aquelas prácticas inadecuadas que xeran incendios. Mesmo se isto non frease os lumes en determinadas comarcas, cumprirá municipalizar o monte abandonado e en risco, como xa fixeron algúns responsables municipais de todas as cores políticas.

O actual estado de cousas, a continuidade dunha gobernanza errada provoca lumes. É hora dun cambio radical nas decisións públicas. Hai boas prácticas e medidas enérxicas que de seguirse poderán corrixir esta praga.