Opinión

Un conto de Nadal: Feijóo Gobernante

Na dereita e nos poderes factuais españois manexouse a idea de que Feijóo sería a salvación da crise estrutural do PP

Estes anos cos meus amigos españois sufrín ao escoitar unha frase repetida: o voso presidente autonómico é dos moderados e un bo xestor. Eu trataba de contrapoñer que esa moderación era fachada, que podía ser menos bruto que outros líderes da dereita, pero que nos recortes nos servizos públicos fora contundente.

No de bo xestor, preguntáballes que enumerasen algún plan estrela da Xunta nos últimos tempos, e aínda que eran incapaces de dicilo seguían pensando que xeraba impresións positivas como gobernante. En boa medida, nestas opinións subxacía que Galiza segue a ser unha nación débil, moi identitaria, pero sen a forza de Euskadi ou Catalunya e que pode ser gobernada desde estándares máis baixos, porque os galegos e galegas sempre somos pouco esixentes.

As causas desta imaxe son varias. A primeira, sen dúbida, a dificultade da dereita española por ter líderes como Merkel ou Macron. A segunda, o feito de que gran parte dos medios progresistas de Madrid sempre acolleron a idea de que Galiza era conservadora e que máis valía unha maioría do PP que unha nova coalición BNG-PSOE. Así, grupos de comunicación como Prisa ollaban normal a continuidade de Feijóo, mesmo a apoiaban. Isto ao final traducíase nunha das claves da vitoria repetida do PP nas autonómicas galegas: unha facción dos votantes do PSOE nas xerais ou locais abstíñase, e outra mínima votaba polo candidato de continuidade (Feijóo). 

Estes relatos arraigaron tanto que na dereita e nos poderes factuais españois sempre se manexou a idea de que Feijóo sería a salvación diante dunha crise estrutural no PP. Ese momento chegou. A opción de Casado semellaba incapaz de desprazar a esquerda do poder, non reducía o peso da extrema dereita e mostraba un ar permanente de provisionalidade. Isto non se convertería nun problema maior de non entrar en confrontación aberta coa presidenta madrileña e sobre todo por denunciar o tufo a corrupción nalgunha das súas actuacións. Isto era unha auténtica liña vermella que non podía atravesar, e os poderes do PP decidiron activar a vía Feijóo. Cómpre dicir que esta opción se baseaba no gran consenso madrileño de que era o gobernante necesario. 

Como custa mudar imaxes xeradas previamente, o efecto Feijóo foi a solución incontestable até o verán. Esquinou a Vox; facilitou a vitoria en Andalucía e case sen falar, con pose moderada e formas aparentemente máis educadas que o seu predecesor. En xullo topei algún compañeiro moi español, en principio da esquerda, que agora só agardaba o triunfo do líder Feijóo; deixara á esquerda por España, mirara a Ciudadanos e agora desembarcaba no PP. Era o clímax de Feijóo.

Pero desde finais de xullo algo comezou a mudar: erros de masas nalgunhas declaracións económicas e sobre todo un ataque en toda regra do goberno no seu conxunto, que agora xa non cre no moderado Feijóo, ao tempo que os medios progresistas da capital sacaban á luz problemas que a Xunta de Galicia xerou nestes trece anos do PP. O que se calaba, porque Galiza era unha peza menor, airéase sistematicamente, porque chegar á Moncloa é cousa moi seria. E Feijóo, o líder que nos coñeciamos, volve aparecer perdendo o seu encanto: cústalle debater sen amarrar previamente os medios, pérdese coas cifras e oscila no ton das súas declaracións, segundo con quen estea. Isto a Díaz Ayuso, que fala sen filtro, desde a dureza, non lle acontece, o que vai sendo un problema.

Non dubido de que os grandes poderes económicos españois e o Estado profundo seguen a preferir a Feijóo de gobernante, pero non son os únicos actores no xogo de poder español. Tamén está a Comisión Europea, representante directo do capital global. E esta institución escolle a Sánchez, que fala inglés, dá unha imaxe máis moderna e ante todo obedece sen protesta a todas as ordes que emite Bruxelas (aliñamento pleno con Ucraína, ortodoxia financeira, etc.).

Nestas, e para rematar, volvemos á pregunta de como queda Galiza no ascenso e eclipse de Feijóo; pois máis ou menos coma antes. Agora os meus amigos non coñecen nin o nome do presidente da Xunta, seguimos sen dar problemas. Só a líder nova da oposición e un BNG que perciben a medias, mudará a nosa imaxe de coitados, de que nunca nos queixamos cos gobernantes que nos tocan.

Comentarios