Opinión

Na procura do voto nas Américas

O Sr. Rueda está en plena campaña de captación do voto dos residentes nas Américas central e do sur. Na semana do 12 ao 18 de abril tivo lugar a súa segunda viaxe a América. Nesta ocasión a Panamá, primeiro, polo inicio dun monumento aos traballadores "de pico e pala", mortos moitos deles polas condicións adversas na construción do Canal de Panamá. Máis tarde a México e a Venezuela, para reunirse coas comunidades galegas. Feixoo viaxará na próximas semanas a Uruguai, Arxentina, Chile e Ecuador. Viaxes "positivas e frutíferas", segundo eles. O rechamante son as promesas e invitacións ao retorno con seguridade no traballo, feitas nesta ocasión por Rueda. Un regreso á "terra prometida". O problema é que esta ten un panorama de precariedade e desigualdade no mundo laboral que Rueda e Feixoo ocultan. Prometen desde a Xunta programas de formación para acceder ao emprego, o plan "Estratexia Galicia Retorna 2023-26". Todo un programa habilitado para captar o voto dos emigrantes e os seus descendentes. Agardan que retornen 30.000 persoas en catro anos. A supresión do voto rogado, a Lei dos netos e a Lei da Memoria Democrática favorecen o incremento do Censo de residentes estranxeiros, aumentando o número de electores para Galiza en 470.000, un 17,5% do censo electoral total.

O problema é que hai 131.400 persoas desempregadas, das que 59.300 (41%) son de longa duración. Unha de cada dez persoas que busca traballo non o atopa. A remuneración é un 12% inferior a española e un 21% inferior a da Unión Europea. Tendo en conta a idade, os menores de 25 anos gañan un salario de 10.300 euros que non chega á metade do salario medio. Entre os 25 e os 34 anos é un 20% inferior ao medio, como detallou Adrián Dios neste medio. Desde Fraga Iribarne as viaxes para comprar os votos dos emigrantes das Américas foron sempre un rendíbel investimento para o PP. O PSdeG espera a definición do seu representante para as eleccións autonómicas e as xerais para facer as súas xiras. Recordemos "os investimentos estrela" prometidos por Feixoo a Ferrol. O buque da petroleira estatal mexicana Pemex encargado a Navantia foise sen comprador. A "alianza estratéxica" entre Xunta e México foi totalmente falida. Todo fume.

Comentarios