Opinión

Perplexidade

Temos un fermoso himno que comeza cunha pregunta: "Que din os rumorosos na costa verdecente, o raio trasparente do prácido luar?…". Unha natureza representativa da Galiza, a terra, o mar, o firmamento, o ar. Mais adiante di: "mas sós os ignorantes e férridos e duros, imbéciles e escuros non os entenden, non”. Tivemos moitos gobernantes que contribuíron ao esquecemento de nós mesmos e á nosa explotación colonial. Un que destaca nesta posición é o señor Núñez Feijóo.

Exultante na súa aterraxe en Madrid, abandonando a terra para dirixir ao PP en Madrid. Cando fala, chama a atención a súa soberbia, a ousadía propia de ignorantes. Un exemplo recente da súa actitude prepotente é a afirmación acerca das relixións nunha conferencia en Barcelona no Círculo Ecuestre.

Sostén que "hai latente un problema, persoas que matan en nome dun deus ou dunha relixión. Desde hai moitos séculos non se ve a un cristián matar en nome da súa relixión ou das súas crenzas... Non hai perigo de terrorismo católico pero si islámico...

O terrorismo islámico é un problema de toda a sociedade europea e debemos actuar de forma unida, sabedores de que hai un problema". Até aquí as palabras de Núñez Feijóo. Hai que ser moi ignorante ou cínico e mentireiro para soster estas opinións. Sen ir á historia de séculos anteriores, onde o cristianismo e catolicismo destacan polas guerras e violencias contra os chamados infieis.

Recentemente, o século XX, déixanos moitos exemplos da intolerancia e violencia dos cristiáns e católicos. No Estado español tivemos unha guerra civil cun compoñente fundamental relixioso, o nacional-catolicismo do franquismo, pasearon a Franco baixo palio. Está a guerra xenocida de Israel contra os palestinos. O masacre de Sbrenica. Os serbios mataron 8.000 musulmáns. A guerra dos Balcáns foi dunha violencia condenada, católicos contra musulmáns. A guerra civil de Líbano.

Os crimes do catolicismo amparando as ditaduras de Arxentina, Perú, Chile, Brasil. O masacre de Oslo por un ultracatólico. Os crimes do "exército de resistencia del Señor" en Uganda. Os grupos organizados e violentos católicos contra as clínicas que practican o aborto legalmente. Conclusión: Nuñez Feijóo é un ignorante.

Comentarios