Baleirar as palabras

Nun coloquio feminista en Vigo, falamos da construción histórica das demandas das mulleres nacionalistas, plasmada en 1979 nun documento do IV Plenario da AN-PG. O texto segue a ter vixencia. Chamou a atención que as mulleres decidisen que a militancia feminista nun país colonizado, como Galiza, non debe organizarse nin actuar separada da organización base, porque as características da explotación das mulleres están trabadas nas condicións sociais da explotación colonial do pobo galego e así tamén das mulleres.

Sorprendeu a intervención dunha compañeira cunha afirmación contundente: "Eu non vou a unha manifestación de mulleres contra a violencia sexual se está Paula Prado do PP". E continuou: "Non quero coincidir con quen asimila e perverte o sentido das palabras". Daba así razón plena ao acordo de non militancia das mulleres independente do partido. Esta afirmación significa que é necesario sinalar límites e retomar o sentido orixinario das palabras.

Non podemos confundir democracia ou liberdade se non se respectan os valores humanos e a defensa do ben da maioría, do ben común.

Non debemos aceptar a gratuidade de todas as escolas infantís publicas e privadas para que "libremente" elixan os pais. Non. Hai que fortalecer o público, o que iguala a todos. Non hai que ir contra a violencia sexual con aqueles/as que encobren un conselleiro denunciado como agresor sexual.

Baleiran de contido ideas como democracia, liberdade… Usan os mesmos termos con obxectivos diferentes. Van contra o sentido orixinal das ideas cando, dende o poder institucional, perverten o significado orixinal. Interpretan dende o interese dos seus partidos. Sen o contexto institucional no que nace.

Hai que dicir non á perversión lingüística e ideolóxica da dereita e extrema dereita descontextualizando as ideas. Todos queremos liberdade. Todos queremos ser demócratas. Mais á custa de ser chamados antidemócratas hai que sinalar os límites. Ir contra a violencia sexual é denunciar e non transixir cos violentos. Ser libre non é actuar sen normas individuais ou sociais, senón elixir o que beneficia a maioría.

Non hai que temer o insulto, ser alcumado como non democrático ou non ser partidario da liberdade. É dicir, ser considerado autoritario cando están en xogo os valores comúns dunha sociedade.

Tiña razón a compañeira, "hai que contextualizar".

Non se poden baleirar as palabras.

Comentarios