A terra quere pobo
A historia non se repite. Pero, si hai respostas populares similares, protagonizadas por numerosas persoas diante da inxustiza. Son respostas radicais, comprometidas con situacións arbitrarias. Sartre falaba de "grupos de fusión". Momentos nunha sociedade, na que a unión e solidariedade do colectivo unido por un obxectivo común logra un resultado liberador para o grupo sometido.
Esperanzadora é a resposta unitaria, colectiva, masiva diante do xenocidio palestino. Hai unha importantísima incorporación da mocidade. Miles de mozos e mozas protestan contra o xenocidio con folgas nos seus centros de ensino e nas rúas. É o espertar das novas xeracións. Galiza con Palestina non é un slogan. É unha resposta humana, solidaria fronte un xenocidio programado.
É o 50 aniversario de maio do 68. Data simbólica na que estudantes, obreiros, sindicatos e partidos se unen contra o imperialismo dos EUA. Nacións Unidas declarouno Ano Internacional dos Dereitos Humanos. Ano convulso, matan en México na praza das Tres Culturas 300 persoas, asasinan M. Luther King, R. Kennedy. Denuncian, primeiro en Francia, logo no mundo, a guerra de Vietnam. A guerra de Vietnam internamente dividiu o pais americano polas barbaridades contra os vietnamitas. Externamente remata co papel de Boy Scout de Norteamérica despois da II Guerra Mundial.
Hoxe o xenocidio palestino cuestiona o sistema político e moral de Occidente. Sen poder moral nin eficacia das leis internacionais, resta o poder ao supremacismo armamentístico e da grande economía. En Vietnam enfrontáronse armas de gran destrución, contra armas e tácticas propias do mundo popular. Triunfou a resposta patriótica do pobo vietnamita. David contra Goliat.
Na Galiza fanse o 50 aniversario da organización ecoloxista Adega. Nace fronte a Ence e oito celulosas, proxectos mineiros, encoros e a central nuclear de Xove. Triunfa a oposición popular.
A Galiza de hoxe está ameazada polas eólicas, terrestres e marítimas, polas minas de minerais raros, pola macrocelulosa de Altri. Sen beneficio para galegos e galegas, nin para industrializar o país. É sacrificar a terra.
Só a loita social e popular en defensa do país pode paralizar o que sería a destrución do modelo social, económico, cultural galego.
"A terra quere pobo para ser fecundada […] Se o nos pobo morre, quedámonos sen patria, pois patria e pobo son o mesmo en dúas palabras", Celso Emilio.