Opinión

Mulleres, deporte e medios

 

Ana Peleteiro conseguiu en Glasgow rachar todos os teitos. Cun salto de 14,37 metros conseguiu o récord do Estado español, a maior marca tanto ao ar libre coma en pista cuberta e a mellor marca europea da temporada. Simplemente brutal.

 

Para a prensa non pasou desapercibida. A súa marca –ouro no mundial—ocupou capas e páxinas na prensa xeralista e deportiva. Outro teito que rachou porque a cobertura informativa das mulleres deportistas apenas representa no Estado español o 4% das informacións deportivas. Unha fenda máis por razón de xénero que soportamos as mulleres.

 

Segundo o informe publicado en 2015 baixo o título Proxecto de Monitoreo Global de Medios, os medios de comunicación dedican, no Estado español, o 4% da información deportiva ás mulleres. O estudo abrangue 114 países. Dito doutra maneira, o 96% da información deportiva está dedicada aos homes.

 

En Galiza non existen nin sequera estudos a respecto da cobertura e tratamento informativo que reciben as mulleres no deporte

 

En Galiza non existen nin sequera estudos a respecto da cobertura e tratamento informativo que reciben as mulleres no deporte mais a invisibilidade que padecen foi, acertadamente, denunciada polas xogadoras da selección galega de rugby. En 2018 gañaron o campionato estatal e fronte ao silencio mediático decidiron facer a súa propia portada. Ben deitamos da retranca para combater o machismo.

 

Volvendo ao récord de Peleteiro, o seu salto rachou co silencio mais non conseguiu lixar os estereotipos.

 

Ana encuentra su sitio, titulou un coñecido medio de comunicación que no segundo parágrafo dicía:

 

“Su entorno mantiene una discreción absoluta sobre sus orígenes que tal vez ignore su propia familia de adopción. Sus padres gallegos no son, evidentemente, los biológicos, pero Ana nació en Ribeira y tiene un acento indiscutiblemente gallego”.

 

Nunca un só parágrafo foi tan útil para visualizara pervivencia de estereotipos sexistas e mesmo racistas na información deportiva. Que escándalo!

 

Mulleres deportistas ás que identifica apenas un nome, sen apelido, e das que semella interesar máis a súa situación familiar que os logros deportivos.

 

Porén, esta non é unha anécdota, senón o reflexo do estado actual das cousas.

 

Con motivo dos Xogos Olímpicos de Rio de Janeiro en 2016, a Universidade de Cambridge publicou un informe após analizar 160 millóns de palabras usadas para facer referencia ás mulleres e homes deportistas que competían nas Olimpíadas. Malia que as deportistas representaban o 45% das persoas participantes, os medios de comunicación mencionaban tres veces máis aos homes nas súas informacións.

 

Mais non só recibiron menos atención informativa senón que as palabras máis usadas para falar das mulleres deportistas eran “maior”, “idade”, “embarazada”, “casada” e “solteira. Fronte a iso, no caso dos homes, as principais palabras destacaban as súas cualidades como “rápido”, “forte” ou “grande”.

 

As referencias ás mulleres deportistas concéntranse de maneira desproporcionada na aparencia, a roupa, a súa vida persoal, poñendo máis énfase na súa estética que as súas capacidades atléticas ou deportivas.

 

É habitual que nas páxinas de deporte atopemos titulares como: ‘una hércules con maquillaje’ para se referir á campioa de halterofilia  Lydia Valentín ou ‘una madre de oro’ sobre a piragüista Maialen Chorraut.

 

En ocasións nin sequera os logros deportivos das mulleres son atribuídos a elas e os medios de comunicación sitúan no titular un home. A campioa de bádminton, Carolina Marín, soportou titulares como ‘La niña que admira a Nadal, primeira no asiática que gana el oro olímpico’ ou ‘Rivas, el hombre que convirtió en oro las rabietas de Carolina’.

 

Cando as mulleres deportistas conseguen rachar o silencio mediático que envolve o denominado deporte feminino, o tratamento informativo caracterízase polo uso dunha linguaxe sexista e infantilizante

 

Cando as mulleres deportistas conseguen rachar o silencio mediático que envolve o denominado deporte feminino, o tratamento informativo caracterízase polo uso dunha linguaxe sexista e infantilizante, por enfatizar a súa estética ou condición vicaria ou pola hipersexualización dos corpos. ‘La lista de buenorras internacionales en los Juegos Olímpico de Río’ titulaba o xornal El Mundo. Perante as críticas decidiron que ‘La lista de las atletas olímpicamente atractivas’ era suficiente corrección. Indecente!

 

Convídoos a ollar a realidade a través dun sinxelo exercicio. Collan un xornal, calquera, busquen as páxinas de deportes e conten cantas informacións se refiren a mulleres deportistas en calquera que sexa a súa disciplina. Agora fagan unha comparativa e procuren titulares de prensa ou corpos da nova referida a algún home e pescuden aqueles en que o centro da información sexa a súa orixe, estado civil, a capacidade que teña ou non para conciliar a súa vida profesional e familiar ou a roupa que usan. Sinxelamente, non o atoparán.

Comentarios