Seguridade Nacional

Comentabamos meses atrás (en "Plan Cóndor 2.0", "Neomonrroísmo e Ártico" ou "Tripolaridade emerxente") a asunción por parte dos EUA dunha nova orientación xeopolítica debido á súa crise de hexemonía e á realidade multipolar que sucedeu xa de facto a etapa unipolar posterior á chamada Guerra Fría, caracterizada polo mundo bipolar. Da lectura da nova Estratexia de Seguridade Nacional estadounidense publicada pola administración Trump despréndese a aceptación deste novo reparto do xogo de poder global. O documento de vontades adecúa o previsto desde 2022 co inicio da Operación Militar Especial rusa en Ucraína: no fracasado intento por expandir a OTAN cara o leste europeo probablemente será, no medio prazo, a influencia rusa a que se estenda nun sentido oposto.

Superada a visión idealista de Biden abrázanse agora teses realistas e posibilistas, abandonando este conflito no "teatro europeo" despois de alimentalo, para enfocarse en Asia (China como verdadeiro rival sistémico) e apuntalar a súa "retagarda estratéxica" no Patio Traseiro (considerando Grenlandia e/ou Canadá) a través dunha renovada e ampliada Doutrina Monroe (1823). Debúxase intuitivamente o reparto de áreas de influencia e transloce a necesidade vital de pechar acordos coa Federación (económicos, enerxéticos, materias primas… das que privaron á UE) para soster un enfoque de competición político-militar coa potencia asiática. Debilitar a estrutura supranacional UE e restaurar a "estabilidade estratéxica" con Rusia, produto da derrota occidental na fronte oriental, sería consecuencia lóxica: para o actual establishment alí tanto OTAN como UE perden sentido histórico logo de varias décadas. Xusto aí reside a cerna do catastrófico erro comunitario ao involucrarse tan activamente nunha confrontación da que nunca podía saír outro vencedor e contra o que ditaba o sentido común. As "forzas patrióticas" europeas (dereitas radicais e neo-fascistas) serán as máis promovidas polo intervencionismo de Washington.

Comentarios