Novos déspotas
Hai dúas semanas falabamos da nova fornada de déspotas e da Intifada global como metáfora de revolta social e accións directas desenvolvidas nos estados occidentais como fórmula de presión sobre colaboracionistas da impune matanza industrial de palestinos. En moitos casos, protestas lexítimas e pacíficas severamente reprimidas: en Alemaña ou Reino Unido centos de persoas resultaron detidas nos seus fogares por publicacións en redes sociais ou considérase a ilegalizada organización activista Palestine Action oficiosamente "terrorista", nun contexto mimético aplicado nos EUA co difuso movemento Antifa.
Con esta novísima clase capitalista que empurra o autoritarismo neofascista e a perceptible crise da democracia liberal aludía a destacados membros da oligarquía tecno-feudal hiper-imperialista do Norte Global con lazos sólidos co sionismo máis reaccionario (emancipado da Memoria) que actúa como titiriteira dunha importante parte do establishment: baste apuntar a Larry Ellison, a segunda fortuna do planeta e fundador de Oracle, propietario de Paramount e agora tamén de TikTok nos EUA, que aposta publicamente por instaurar unha sorte de Gran Irmán a través do acaparamento de Big Data extraída do uso masivo de tecnoloxías coa fin de "ter á poboación máis controlada" co seu asentimento.
Poderiamos incluír aquí donos do algoritmo e capos censores de Meta (FB-Instagram-WhatsApp) e da rede X: os abertamente sionistas Mark Zuckerberg e Elon Musk. Outros na liña como Sam Altman, inventor da IA ChatGPT e que construíu un "refuxio" para salvarse dun hipotético "ataque" da súa criatura, integran un colectivo especialmente belicoso que concentra poder noutros sectores cruciais como o financeiro e militar: BlackRock (Larry Fink), JP Morgan ou Goldman Sachs; ou General Dynamics e a polémica Palantir de Alex Karp e Peter Thiel. Todos eles, doantes da aberrante guerra xenocida que propoñen pechar con Bloody Blair de procónsul en Gaza. E apóstolos da regresión pos-democrática.