Neomonrroismo e Ártico

Comentabamos nestas liñas a semana anterior que 2024 foi o ano da derrota militar da OTAN en Ucraína, o cal non significará necesariamente a fin do conflito do Leste independentemente de como e en que termos se concrete o primeiro. Hai claros síntomas disto tanto pola esixencia estadounidense de incrementar gastos en Defensa por parte dos estados europeos da Alianza como por algunhas consecuencias que imos coñecendo xa no 2025: o réxime ucraíno cortou a subministración de gas ruso o 1 de xaneiro e o enclave post-soviético "moldavo" de Transnistria tivo que paralizar parte da industria; estados como a Eslovaquia de Robert Fico ou Austria poderían verse bastante afectados pola medida, aumentando as tensións políticas en toda unha zona que vai das repúblicas bálticas e Kaliningrado até Hungría ou Romanía, onde recentemente executouse unha modalidade incruenta de "golpe de Estado" ao anularse (baixo forzadas argucias legais) o resultado das eleccións presidencias por vencer alguén alleo ao "consenso europeo" e moi crítico coa molesta presencia militar estadounidense alí.

Referímonos tamén na columna ás declaracións intimidatorias de Donald Trump respecto do Canadá e Groenlandia, sen esquecerse do Canal de Panamá e México, nunha re-actualizada Doutrina Monroe –América para os (norte)americanos– que non esquece Venezuela ou Bolivia e deixa sentado, así tamén, aos veciños do norte e a Dinamarca, que a ilusión de ser "socios" e non vasalos é tan só iso: ilusión. Coas mudanzas en curso na xeopolítica global EUA procura fortalecerse na súa inmediata área de influencia, e o control do Ártico (dominado por Rusia agora nesa disputa e nunha "etapa de retirada dos xeos") adquire relevancia estratéxica. O nomeamento do neocon Marco Rubio para o Departamento de Estado non augura moito positivo tampouco para uns países do hemisferio maioritariamente socios comerciais dos Brics e, no concreto, da República Popular China. Trump, teoricamente, proponse reverter a situación.

Comentarios