Guerras MAGA
A extrema dereita internacional fabricou un mártir: o axitador ultra estadounidense Charlie Kirk foi asasinado a plena luz do día e declarado Santo Súbito polo mesmo sistema que o liquidou. O impacto da "bala máxica" gravouse desde ángulos distintos, e as imaxes foron retransmitidas polas televisións e redes sociais en todo o mundo. Unha execución feita espectáculo: puro Black Mirror. O principal suposto sospeitoso, xa detido, sería un experto tirador de 22 anos de raza branca, mormón, heterosexual, fillo do sheriff dunha das zonas máis republicanas de Utah e coa meirande parte da familia identificada co trumpismo: nin trans, nin afro, nin árabe, nin woke ou esquerdista radical, como afirmara o presidente.
A Hasbará e o circuíto da des-información masiva axiña intoxicou e fixou o marco da responsabilidade nun "antifascista". Pseudópodos da ultradereita apátrida en Europa reaccionaron en consecuencia e personaxes de incuestionable categoría ética, política e intelectual como Tellado, Abascal ou Feijóo pretenderon rendibilizar un acontecemento afastado na súa cruzada interna: "A esquerda é violenta". Un elemento afín e de probada honestidade como "Bibi" Netanyahu respondera horas antes nunha canle estadounidense: "Créanme, Israel non ten nada que ver con isto; foi a coalición islamo-marxista". A revista ianqui American Conservative leva tempo debatendo: "Israel First or America First?", avanzando importantes discrepancias de fondo nas bases do movemento MAGA entre "globalistas" e "patriotas", na súa propia terminoloxía.
Kirk, de ideas simplistas e ultra-reaccionarias, víñase desmarcando da liña oficial e do gabinete israelí: cuestionaba a actuación deste no 7 de outubro, remexía de máis co Caso Epstein e, non sendo "pro-ruso", criticaba o apoio á Ucraína de Zelensky. Desde a súa posición influínte presionou para non atacar Irán. Nas novísimas "democracias" o poder real non se desfai de "disidentes" como nas pérfidas "autocracias", ás agochadas. A real good job!