Colapso no Donbass

Publicou o diario español El País hai semanas unha clarificadora conversa con un dos protagonistas da chamada Revolución Laranxa de 2004-2005 en Ucraína, episodio que principiara a serie de turbulencias sociais e liortas intra-elites polo poder e a orientación estratéxica daquel Estado declarado independente apenas unha década antes, e que estalou rotunda e violentamente no 2014: Viktor Yúshchenko, presidente-vítima dun envelenamento nunca debidamente aclarado aínda que o propio afectado acusou tempo despois o antigo aliado político e padriño dos seus fillos David Zhvania. Pasou bastante desapercibida a coda final da mesma, onde recoñecía abertamente as verdadeiras vellas intencións da clase dominante de Kiev e dos patrocinadores occidentais da OTAN: lograr o desmembramento da Federación de Rusia e o reparto dos seus despoxos e xigantescos recursos.

Tan só un mes despois das declaracións o panorama sobre o terreo semella moi distante destas ambicións: caeu case completamente o importante nodo estratéxico e de comunicacións Krasnoarmiisk ("Exército Vermello" en ruso), denominado Pokrovsk polas autoridades locais desde o 2016 en base ás "leis de des-comunización", o cal ten un significado militar capital máis alá do simbólico: as FAFR e as milicias das Repúblicas Populares de Lughansk e Donetsk levan tres anos e medio poñendo en práctica elementos da doutrina militar soviética nunha guerra industrial de desgaste, consistente nun actualizado concepto de batalla profunda centrada en maximizar baixas inimigas (minimizando as propias) con incursións que penetran e perforan a fronte mediante apoio aéreo e artilleiro até o embolsamento ou cerco operativo. A caída deste asentamento e o asedio sobre Kupiansk pre-anuncian un "doado" achegamento ao eixo Sloviansk-Kramatorsk e o previsible colapso das FAU: máis alá das últimas fortificacións defensivas construídas durante a última década case quedaría xa vía libre ás forzas rusas polas planicies até o río Dniéper.

Comentarios