Externalización de fronteiras

Teño manifestado en moitas ocasións o meu pouco entusiasmo pola Unión Europea, tendo criticado nestas páxinas a súa política monetaria, enerxética ou o seu intervencionismo moitas veces ridículo (recomendo ao respecto un pequeno libro de Hans Magnus Enzensberger, O xentil monstro de Bruxelas, que non parece ter tido moita difusión) e tentado amosar algunha das moitas contradicións nas que incorre no seu desempeño. Como bo europeísta son contrario a Unión Europea, pois o xenio espiritual de Europa baséase en non ter estado unida nunca na súa historia. A UE é algo por tanto totalmente alleo á nosa forma de vivir e entender o mundo e parece máis unha mala imitación da China, quen comezou a decaer coa súa unificación, que un proxecto que responda a un verdadeiro ideal europeo. Todas estas contradicións parecían, con todo, ser soportábeis e o proxecto da UE non parecía perigar. Pero unha nova lida neste xornal a semana pasada, sobre as axudas financeiras da UE ao Reino de Marrocos a cambio do control da emigración, fíxome ver que o proxecto europeo está xa condenado. Aínda que dure uns anos máis é xa un proxecto sen futuro.

Sei que a cuestión da inmigración irregular é un tema moi complexo e con consecuencias disfuncionais, tómese a decisión que se tome. Isto é abrir as fronteiras a todo o que queira vir ou ben restrinxir o acceso de tal forma que só poidan ingresar a territorio comunitario aqueles que conten cun visado en regra. É este un tema que rara vez se discute en serio, pois cada postura ten serios detractores. Déixase nunha sorte de limbo no que máis ou menos os que conseguen chegar son tacitamente aceptados mentres se mantén a postura oficial de feche de fronteiras. Cómpre lembrar que nin o Reino de Marrocos nin as chamadas mafias son os responsábeis dos fluxos migratorios como en moitas ocasións se nos quere facer entender por parte das autoridades estatais e comunitarias. Marrocos non ten ningunha obriga de gardar as fronteiras comunitarias nin é quen nos arroxa inmigrantes, simplemente os deixa pasar, como é súa obriga por outra parte. Estamos a pedir que Marrocos impida os dereitos de movemento de persoas que nin sequera son os seus nacionais? Temo que si. O mesmo acontece coas chamadas mafias. Estas aparecen porque os inmigrantes non poden viaxar por medios convencionais como o avión. Se os inmigrantes pagan miles de euros ás mafias é porque alguén, os estados europeos, con razón ou sen ela, non lles deixa subir a un avión que custaría un par de centos. Se os inmigrantes puidesen viaxar como nós o facemos, as mafias desaparecían ao instante e entón poderiamos observar como estas non deixan de ser máis unha consecuencia da restrición non a orixe das mesmas. O debate, pois, debería estar en se abrir ou non as fronteiras considerando as consecuencias, pero non confundindo estas coas causas.

Dito isto, acertadamente ou non, a UE e o resto dos países Schengen tomaron unha decisión ao respecto, a de regular estritamente as entradas legais de inmigrantes a aqueles que conten cun visado. Máis polo que se ve non é quen de facela cumprir por si propia e ten que recorrer a subcontratar a elevado prezo ese servizo a outros países como Marrocos ou Turquía para que se fagan cargo non só de reprimir e controlar os fluxos, senón tamén, incluído no prezo, o de levar as culpas da represión, que ás veces é moi violenta, como vimos hai pouco en Melilla. Pero a pregunta é a de se pode ser críbel un artefacto político que ao tempo pretende ser un poder mundial, que non é quen nin de cumprir co mínimo que se lle pode exixir a un ente soberano. Maquiavelo advertiu nos seus Discursos sobre a primeira década de Tito Livio sobre o que lle acontece aos países que delegan a súa seguranza noutros e non dixo nada bo sobre o seu futuro. Apliquémosllo á UE.