Opinión

Europeismo e axudas

Unha das cousas boas que ten este xornal é que é común atopar nel críticas ao sistema da Unión Europea que non son doadas de atopar na maioría dos medios de comunicación, case todos eles entregados a defender o actual estado de cousas e, na práctica, sen admitir críticas razoadas ao proceso de integración político europeo. O propio proceso de ratificación do Tratado de Maastrich en España foi levado a cabo en todas súas etapas, a diferenza doutros países, sen tomar a serio a apertura dun mínimo debate intelectual sobre a cuestión. A única vez que a cidadanía foi consultada sobre un proceso de tal relevancia foi co referendo de ratificación da afortunadamente errada Constitución Europea; que foi introducida xa sen rango constitucional co chamado Tratado de Lisboa, esta vez sen referendo. Eu quero sumarme a este debate dende unha óptica distinta a moitos dos meus predecesores nestas páxinas concordando con eles en moitas das súas conclusións, pero apartándome dalgunhas das súas premisas de orixe, como o do ser tal institución un artefacto do neoliberalismo. Este poderá ser discutido e ter defectos, pero o proceso de integración europeo non é un deles, pois de neoliberal ten, ao meu ver, ben pouco. Cando digo isto non me refiro a algunhas políticas europeas que si puideran estar inspiradas por tal ideario, senón ao propio proceso tomado en conxunto.

O mercado común europeo si podería ter algo de neoliberal no senso de que permitía a libre circulación de persoas, mercadorías e capitais entre os distintos estados europeos, pero a UE é algo ben distinto, aínda que se presente como unha deriva do anterior.

A UE contemporánea baixo a escusa da “integración” non é máis que unha estrutura política superposta sobre o anterior sistema de estados co obxectivo último de suplantalos e crear unha sorte de estado federal europeo, seguindo o esquema histórico dos Estados Unidos. A primeira das súas actuacións foi a de crear un superbanco central que xestionase e planificase de forma centralizada unha moeda europea deseñada ao efecto. Eu dende logo non vin defendidas (máis ben ao contrario) en ningún tratado ou manual neoliberal tales propostas de actuación e de existir sería baixo regras moi estritas. Como tampouco vin defensas nunca neste ámbito da outra política estrela da UE como é a Política Agraria Común. Nen Hayek, nen Friedman nen os ordoliberalis alemáns propuxeron nunca algo semellante.

Nin moito menos considero que estarían de acordo coa última das grandes medidas europeas: un esquema de axudas por causa da Covid deseñado en base a débeda pública centralizada. Primeiro porque estas non son axudas orientadas aos máis prexudicados pola Covid senón axudas directas aos sectores económicos que a Unión quere promover e apoiar e que non son precisamente os sectores que máis están a sufrir coa pandemia. Baixo a máscara de modernización apoiase aos lobbies de moda neste momento. Pero isto ten ben pouco de liberalismo: é o vello intervencionismo de sempre combinado co tamén tradicional crony capitalism ou capitalismo de amigotes. Como tampouco ten moito de neoliberal a forma de financialo. Non vai ser a través de impostos, como é obvio, pois se todos tivesen que contribuír pouca sería a ganancia, senón a través de débeda pública centralizada ou directamente a través de creación de diñeiro novo. Máis isto está pensado para centralizar e dar máis poder a UE. Non é novo, pois o uso da débeda pública para controlar dende o centro xa o inventaron nos USA hai ben anos. Agardo non sigamos polo mesmo camiño.

Comentarios