A chantaxe do gas

Leo con moitísimo asombro as queixas dos responsábeis europeos contra Putin por chantaxear co envío de gas que forzarían serios recortes no consumo enerxético dos países da UE. Digo con asombro porque adoita ser habitual que se alguén implanta sancións económicas o máis normal e que llas devolvan a el tamén. Ou os dirixentes da UE actúan infantilmente cando pensan que non se han atrever a devolver a sanción ou ben nos toman a nós por infantes se pretendían que a poboación europea pensase que non nos ía ter custe algún sancionar os rusos. Ademais de que é ben sabido que as sancións non funcionan, e non só neste caso, porque primeiro as sancións teñen por forza que danar a quen as pon e en sectores do máis inesperado (as de 2014, por exemplo, afectaron o noso sector lácteo) e segundo, a consecuencia do primeiro, debilita o apoio popular á causa polos custos que estas levan consigo. Por iso as sancións non son boa política nin sequera en caso de guerra, porque danan a propia capacidade de financiar o esforzo bélico e sobre todo porque, ao retiralas, o absurdo de comerciar e guerrear ao mesmo tempo fica moito máis evidente. Más deberiamos estar acostumados, pois estas mesmas elites xa nos prometeran antes que a transición verde non ía ter custos, que ía ser imitada por todos os países do mundo e de non ser así íamos poder obrigalos a través de sancións ou aranceis. As tres cousas falsas, pois ninguén nos imita e as emisións mundiais (non  así as europeas ou doutros espazos occidentais como os USA, que son as que contan a efectos de clima) non deixaron de aumentar dende hai 20 anos, excepto o ano da pandemia.

Nosos esforzos en descarbonizar son moi de loar pero valen de ben pouco porque non parecen ser moi dignos de imitar por outros espazos políticos como China, Rusia ou a India, que non parecen estar moi preocupados por esta cuestión e seguen a facer uso intensivo do fósil, incluído o carbón. Seguimos a pensar que somos o centro do mundo e que as nosas preocupacións son mundiais e xa hai tempo que non o somos e os nosos líderes europeos non parecen entendelo. Antes pensaba que os líderes políticos a este nivel eran seres maquiavélicos que gustaban de tratar de forma paternalista os seus pobos ocultándolles a verdade pintando escenarios irreais, pero vendo como son as novas xeracións moito me temo que é que son así, que acreditan no que din e actúan en consecuencia.

O progreso que temos coa UE é que unha suposta ameaza de corte de fluxo de gas ruso pode levar a restricións de gas que paralicen industrias e encarezan ou imposibiliten a moitos fogares afrontar un inverno nunhas mínimas condicións en lugares moi fríos, algo que non se dá dende hai case cincuenta anos. E digo suposto porque é moi improbábel que os rusos fechen a billa, dado que tamén implicaría un custo moi grande para eles, que tampouco poden permitir. Se puidesen xa o terían feito. Non só isto, é que esta hipotética ameaza está a levar por diante, ademais das benditas tensións na UE, toda a política de dos últimos anos (fálase incluso da posibilidade de subvencionar a queima de carbón nalgúns países de Europa) e que tanto custou non só en decenas de miles de millóns de euros en desembolsos e axudas senón tamén en sufrimento para nosa industria e minería. E o carro eléctrico moi probabelmente sexa a próxima vítima. Porque unha vez aprobadas as medidas comunitarias o discurso da urxencia climática parece como se perdera algo de forza. Non se pode alertar de todos os perigos asociados ao quecemento climático mentres fas todo o contrario de primeiras. Sería bo clarificar, ou non hai tal perigo climático ou os gobernos non son quen de sacrificar algo de benestar das súas poboacións por reducilo.