Opinión

O mentir pide memoria

Hai pouco preguntábanme como facía para sacar tempo para a escrita. A única resposta posíbel era dicir a verdade. Se era quen de lle dedicar tempo a labores da casa das que non gusto nada ou moi pouco, como non ía conseguir roubar tempos interrumpidos (como agora mesmo estou a pór en práctica, por certo) para a expresión escrita e o intercambio comunicativo lector?

Unha desas tarefas das que non gusto especialmente é desprazarme a subministrar (permítanme empregar esta palabra aprendida do meu avó paterno) para prover as lacenas da cociña e a neveira das rutinas alimentarias familiares.

Os lugares escollidos para o aprovisionamento son sempre as pequenas tendas de comestíbeis ou algún supermercado de barrio, pois pensar en me pasear por esas interminábeis restras expositivas de obxectos pseudoalimentarios ou cando menos innecesarios e, polo tanto, prescindínbeis da nosa dieta, que nos ofrecen as sempre impersoais grandes superficies comerciais, confírmame na idea de que, aínda que o refrán diga que o tempo o dá Deus de balde, non é preciso sermos tan xenerosas.

Os lugares escollidos para o aprovisionamento son sempre as pequenas tendas de comestíbeis ou algún supermercado de barrio

Con este pensamento encamíñome a facer a compra para os vindeiros días en que o traballo profesional remunerado (concepto incompatíbel cos trafegos domésticos) non deixará moito tempo libre para estas ordenanzas do fogar e comezo a peregrinación polo primeiro corredor.

E así imos enchendo a cesta da compra:

Fariña (1 kg): 3,72 euros

Pan relado (300 gr.): 2,94

Galletas (220 gr.): 3,56

Macarróns (500 gr.): 2,85

Espaguettis (500 gr.): 2,85

Biscoitos (200 gr.): 3,05

Pan torrado (250 gr.): 5,39

Cereais chocolate (250 gr.): 3,99

Pan de molde (240 gr.): 3,65

Pensarán vostedes, á vista dos números, afeitos tamén coma min a estes mesteres cotiáns, que debemos ser moi exquisitos, sibaritas ou de moi mal dente na nosa casa. E nada máis lonxe da realidade (da súa) e próxima (á nosa). Esta relación de alimentos básicos non conteñen glute, a única dieta vitalicia e sen alternativa posíbel que asimila o intestino dun paciente intolerante á proteína de trigo, centeo, cebada, entre outros cereais. E na nosa casa a celiaquía entrou hai 12 anos para ficar.

A próxima parada da nosa travesía entre os corredores do supermercado lévanos a procurar para o resto da familia estes mesmos alimentos con glute nos seus correspondentes estantes, pois un paciente san non debe prescindir deste compoñente.

Fariña (1 kg): 0,42 euros

Pan relado (300 gr.): 0,99

Galletas (220 gr.): 1,19

Macarróns (500 gr.): 0,99

Espaguettis (500 gr.): 0,57

Biscoitos (370 gr.): 1,00

Pan torrado (270 gr.): 0,87

Cereais chocolate (500 gr.): 1,49

Pan de molde (450 gr.): 1,00

O necesario control de gasto lévame a calcular o custe destes mesmos produtos atendendo á única variábel da presenza de glute (tan común na alimentación elaborada actual, pois está presente no 80% dos alimentos comercializados na UE). E, malia saber que xa fixeron vostedes números, imos dar o dato numérico completo a ver se nos dan as contas.

Mentres o primeiro grupo de alimentos sen glute, os únicos tolerados por unha persoa celíaca e sen alternativa, custa 32 euros, o segundo baixa até os 8,52 euros.

O necesario control de gasto lévame a calcular o custe destes mesmos produtos atendendo á única variábel da presenza de glute

Non resulta nada difícil imaxinar o que isto implica en calquera economía familiar da clase traballadora, máxime nestes últimos anos en que os ingresos familiares minguaron ou desapareceron dramaticamente, o que, segundo os datos do IGE do pasado xullo, espella que 6 de cada 10 fogares galegos teñen serias dificultades para chegaren a fin de mes.

Parecía que a insensibilidade do goberno galego, co seu presidente Feijóo á cabeza, chegaba á súa fin ao declarar este pasado 30 de agosto que ía traballar para que o goberno central revisase o IVE dos produtos sen glute, posto que teñen un prezo elevado e a familia “ten que ser o centro da política dun goberno”.

Os titulares rapidamente me fixeron pensar nunha insolación propia deste agosto solleiro de máis ou no inicio dunha nova precampaña electoral irresponsábel e mentireira, como as anteriores que o levaron ao goberno da Xunta.

Porque a memoria en cuestións transcendentais como esta, de saúde pública, non pode ser nunca feble, é que agora formulo algunhas consideracións que, en caso de non chegaren a ouvidos do presidente, si é preciso compartir publicamente co pobo galego para tiraren a súa propia opinión, pois xa sabemos que cereixas e mentiras, unhas das outras tiran.

En 2014, a deputada do BNG no Congreso dos Deputados Rosana Pérez rexistrou unha proposición non de lei para reducir o IVE aos produtos sen glute do 10% ao 4%.

Tamén en 2014, o grupo parlamentar galego do BNG, a instancias da deputada Montserrat Prado, presentou unha proposición non de lei para debate no pleno en que de novo se instaba a rebaixar o IVE ao 4%, ademais de estabelecer axudas económicas ou beneficios fiscais para estes pacientes ou as súas familias.

Pois ben, en calquera das dúas ocasións o PP tivo a oportunidade de colocar verdadeiramente a familia no centro da política dun goberno, no canto de deixala escorar tanto (máis unha vez), votando a favor destas proposicións, mais esqueceu a decencia, a solidariedade e o compromiso social ao decidir votar en contra destas propostas e, consecuentemente, en contra de miles de familias galegas (lembremos que é moi frecuente que haxa máis dun paciente por unidade familiar), en contra de entre 20.000 e 25.000 persoas galegas enfermas que deben dispor para a súa alimentación de aproximadamente 1.700 euros máis ao ano para se alimentaren correctamente e coidaren da súa saúde.

Agardo que neste tempo electoral, en que semella que tampouco a honestidade e a lealdade coas xentes do país triunfará en boca de Feijoo nin do seu partido, as votantes decidamos que, como aserta o refrán, a verdade fure as paredes para abrirmos un tempo novo.

Comentarios