Opinión

O transporte público na montaña

Vivo no concello de Cervantes, en plena montaña de Lugo, con outros 1.287 habitantes, repartidos/as en 139 núcleos espallados por 276 Km2 de extensión. Na capitalidade do concello, San Román, están situadas as oficinas do concello e unha oficina da Caixa Rural. As distancias á capital do concello chega desde algunhas aldeas a 35 km. Para urxencias nocturnas ou algunha proba sinxela teñen que desprazarse a Becerreá, a uns 50 km dalgunhas aldeas e a preto de 100 km do HULA, en Lugo. 

Falan do transporte escolar como transporte público para asistir aos distintos centros de saúde pero na práctica é tan ineficiente e pouco adaptado que se pode asegurar que non existe transporte público. Esta realidade determina o acceso a un dereito fundamental como é a sanidade pública amén doutros servizos comerciais, sociais, culturais e veciñais.

Non quero poñerme dramática pero podería contar centos de escenas con persoas que, ademais do nada desprezable desembolso económico, teñen que facer auténticos malabarismos para artellar fórmulas para poder acceder aos distintos centros sanitarios. Hai persoas con determinados tratamentos oncolóxicos ou de rehabilitación que contan con transporte proporcionado polo Sergas; non queda máis que pedir que se aumente a máis doenzas e se siga mellorando a adaptación ás persoas e ás peculiaridades da zona. Outra parte considerable da veciñanza vai resolvendo o problema a conta recorrer a outros membros da familia, producíndose casos de auténticas heroicidades que con frecuencia acaban provocando altos índices de desgaste persoal tanto para as persoas maiores transportadas como para os familiares transportadores. Hai quen vai amañando con algún veciño que ten coche e se presta para levalos. Esta colaboración veciñal resulta tan importante que sen ela probablemente non sexa posible artellar ningún tipo de transporte verdadeiramente eficaz para acceder á saúde pública. Outra parte non ten máis remedio que acudir aos poucos taxis que traballan neste concello; a verdade é que, en xeral, non só transportan senón que tamén acompañan moi ben pero, ademais de saír bastante caros para as familias, hai veces que resulta complicado poder contar cos seus servizos porque non hai moitos e conflúen en horarios matinais. Por último existe un reducido número de persoas con baixos ingresos ou circunstancias persoais peculiares que son transportadas por persoal do CDR Ancares ou de Cáritas con cartos que conseguen por medio de proxectos que presentan ás distintas administracións ou a entidades privadas para tal fin.

Agás o transporte público realizado polo Sergas, todas as demais formas de transporte resultan moi custosas, converténdose nun dos elementos que poden explicar o abandono da montaña, sobre todo de persoas maiores, en especial as máis de 250 que ou ben viven soas ou ben con outras persoas tamén maiores.             

Escóitase falar moito da recuperación do rural pero observamos como algunhas das medidas producen xusto o efecto contrario. Estes días vimos nos medios de comunicación como se implantaba un sistema de billetes de tren gratuíto e fáiseme difícil entender a razón pola que non se fai algo parecido en zonas de montaña. Non me parece xusto.

Se queremos que a vida na montaña non se converta nun parque temático a visitar polos "turistas" e siga sendo un organismo vivo non vai quedar máis remedio que crear un sistema de traslado das persoas aos distintos centros médicos que rebaixe, ademais, de forma drástica, o custo para as familias. É un problema complexo e de difícil solución e por iso quero rematar este escrito pedindo ás administracións públicas que sexan audaces e intelixentes e se atrevan a apoiar decididamente o CDR Ancares (ou outra asociación que conte coa confianza da maioría do tecido asociativo de Cervantes e algo de experiencia na realización de proxectos deste tipo) no deseño e posta en marcha dun "proxecto piloto" que nun período de tres a cinco anos ensaie distintas fórmulas para optimizar o acceso aos centros médicos implicando a todos os sectores. As que vaian dando resultados poderían ser replicadas noutras zonas da montaña galega.

Comentarios