Opinión

Respondan a esta pregunta: E se resulta que é verdade?

Foi o tema da semana en Catalunya, e tiña a súa razón de ser, após escoitar o que dixo o ex comisario de policía José Manuel Villarejo con respecto ao atentado acontecido nas Ramblas de Barcelona o 17 de agosto de 2017. Villarejo suxeriu que os servizos secretos españois xa sabían que o promotor do atentado, o imán de Ripoll, tiña intención de cometer un atentado en Catalunya, pero que se lles descontrolou o asunto.

Con Villarejo está acontecendo o mesmo que ocorreu no noso país no seu día co comisario de policía José Amedo. Como consecuencia do seu procesamento, Amedo viuse en apuros, e, semella, para poder eludir a súa condena xudicial, comezou a difundir nuns e noutros medios de comunicación unha información secreta que relacionaba diferentes estruturas estatais coa guerra sucia. Co tempo, foi perdendo a credibilidade que se lle concedeu ao principio, debido a que dicía unha cousa e a contraria dependendo de con quen falaba. Aos poucos anos, aquela fonte secou. Iso quere dicir que era mentira todo canto dicía a cambio de diñeiro? Claro que non. Había moitas verdades nas súas acusacións, pero chegou un momento no que parecía imposíbel distinguir a verdade e a mentira. 

Nunha democracia que se gabe como tal non queda outro camiño que o da investigación sobre o que villarejo dixo dos atentados de barcelona

Durante estes últimos anos, o ex comisario Villarejo tamén anda polos mesmos camiños. Dado que é moi grave canto dixo sobre os atentados de Barcelona -e un escándalo tremendo, se é certo-, nunha democracia que se gabe como tal non queda outro camiño que o da investigación. Polo tanto, resulta totalmente lóxico que algúns grupos parlamentarios do Congreso de España (EH Bildu, ERC, Junts e CUP) desexen crear unha comisión de investigación, para que se dilucide definitivamente se existe unha relación, como xa se denunciou anteriormente, entre os servizos secretos de España (CNI, Centro Nacional de Intelixencia) e o imán de Ripoll. 

Que temen os que están en contra de crear a comisión de investigación? Se resulta que canto está a relatar o policía Villarejo é mentira, quedará claro que está a realizar acusacións sen fundamento. Pero acaso as persoas mortas nese atentado e os seus familiares non merecen que se dea unha resposta firme a esta pregunta: E se resulta que é verdade? 

Comentarios