Opinión

Vale tudo

Colle unha crise sistémica na década dos anos dez, engádelle unha aceleración histórica, súmalle unha pandemia, bótalle unha area de Trumpismo e as súas derivadas e xa temos o marco. Tíralle unha fotografía ao curral nubrado do Estado, ponlle un filtro ao réxime do 78, agrégalle un efecto tilt-shift á monarquía e xa acadamos un retrato digno para o noso cadro doméstico. Nos últimos anos importantes segmentos da cidadanía quixeron mudalo, algúns incluso quebralo para comezar de novo, mais semella asumido por moitos que a impugnación do mesmo non é unha opción, a pesar da vixencia das condicións obxectivas e da aritmética nas Cortes.

No razoamento de gran parte da esquerda partidaria para aparcar o desafío resoan diferentes argumentos; atonía social, desmobilización, o precedente Syriza, a correlación de forzas ou o temor ante unha maior involución democrática coa chegada da extrema dereita. Todos eles serviron para xustificar a entrada da unidade popular nun goberno liderado por un PSOE socio-liberal, e tamén o apoio ao mesmo no Parlamento dos diferentes soberanismos ao longo destes anos.

O debate da reforma laboral vén de provocar unha importante fenda de credibilidade nesa unidade de acción. Por unha banda, os avances reais acadados quedan diluídos pola prometida derrogación, conseguíndose co plácet da Comisión Europea, a CEOE, a banca e algunhas forzas políticas antagónicas, que entenden salvagardadas cuestións da reforma do 2012. Pola outra, fixa unha lexítima posición das esquerdas plurinacionais que coinciden no sentido do voto, que non dos motivos, cos negacionistas de calquera modelo de convivencia que non sexa un franquismo sen Franco. O criterio disipado do popular Alberto Casero no último minuto tan só constata, máis aló da parodia, a magnitude do esperpento.

O vale tudo é unha modalidade de pelexa orixinaria do Brasil onde os loitadores poden empregar calquera arte marcial no combate. Mentres as diferentes esquerdas do Estado habitan o equilibrio imposible do mal menor, poderosos inimigos da democracia acreditan no vieiro do mal maior. Nesa dialéctica, as máis levamos as de perder.

Comentarios