Opinión

Unha de opinión

Opinamos por riba das nosas posibilidades. Na última década coa emerxencia das redes sociais, pasamos de ser receptores de contidos que falaban en nome da opinión pública a emitir en aberto dende o noso propio satélite xabarín. Na balanza hai cousas positivas pero tamén negativas. Nas primeiras pesa a construción plural dunha ruta distinta ao pensamento único. Nas segundas, a reprodución a pequena escala dos modelos que pretendemos superar.

Hai 15 meses no comezo da pandemia que tanta dor trouxo, incorporeime de novo á trincheira da Medicina de Familia, despois de moitos anos de sobreexposición pública. Alí reencontreime nos coidados coa palabra acompañar, co exercicio de escoitar e co innecesario de ter que opinar de todo a todas horas. A vida era aquilo que pasaba mentres fixabamos posición.

O exceso de información sempre foi un atallo para desinformar. Sábeno ben os grandes medios de comunicación que empregaron este recurso devagar durante anos, antes de instalarse nun todo vale onde a noticia é opinión. Pola contra, a presenza duns lindes en todo o emanado dende outras canles, cingue a potencialidade dun relato alternativo. Todo iso por non falar da trampa do inmediato nas redes onde ás veces emerxen troles ilustrados, aumentando os vatios de toxicidade máis aló da factura da luz.

Esta disertación ten vocación de agradecemento a Nós Diario por pensar que, con tanto ruído de fondo, as palabras que reflicta cada martes no xornal poden ser de interese para os seus lectores. Tamén de declaración de intencións. Chego aquí para opinar o menos posible, o imprescindible. A última vez que o fixen foi nun libro de conversas, A contradición permanente, co xornalista e poeta Daniel Salgado no 2017, conversas onde a pesar das enxugas, o meu pensamento aínda se sente reflectido.

É o momento de partillar neste recanto o escoitado e o aprendido. Tamén de proxectar as cousas pequenas. O autor non se responsabiliza polo tanto da súa propia opinión.

Sexan benvidas.

Comentarios