Opinión

Sospeitosos habituais

A pesar de saír na TVG moito máis que o Keyser Söze, o principal mérito de Feijóo é ter conseguido que dubidemos da existencia de fotografías súas na compaña de sospeitosos habituais. Se as imaxes roubaran a alma, no seu caso estaría nunha oficina de obxectos perdidos. Máis aló de retratos ao carón dalgún narcotraficante que o contorno do presidente considera amortizadas, existen outras con moita carga simbólica representativas dese “laissez faire, laissez passer” que o noso mandatario aplica no amparo do espolio deste país.

Se un pon no Google as palabras “Feijóo Iberdrola" e vai a imaxes, descubrirá a historia de amor entre dous presidentes. Existen apertas e logo están as de Alberto e Ignacio. Durante este verán, Iberdrola foi unha das empresas que realizou un baleirado de varios encoros galegos cun afán especulativo. Desta acción informou á Xunta, pero a Administración autonómica ignorou os avisos anunciando posteriormente un expediente sancionador cuns importes máximos que a propia Xunta reducira meses antes por lei. De ter que aboar a multa, Iberdrola pagará 50.000 euros na vez dos 600.000 que tería que afrontar coa normativa anterior. 

Se pomos no buscador “Feijóo Abanca" descubriremos a relación de dous homes feitos a si mesmos cos cartos de todas. A entidade dirixida por Escotet adquiriu os restos das nosas caixas por 1.000 millóns de euros logo dun rescate público de 9.000. Se no seu primeiro ano os beneficios superaron o prezo de compra, sete anos despois estes calcúlanse en máis de 3.000 millóns. A pesar diso neste tempo Abanca pechou 92 sucursais e despediu uns 150 traballadores. Mentres resoan as protestas veciñais lideradas en moitos casos por alcaldes do PP, a Xunta vén de concederlle ao banco preto de 3 millóns nunha subvención para instalar caixeiros automáticos en moitas localidades afectadas polos peches. Dentro das esixencias da axuda emerxe o esperpéntico; Abanca deberá colocar o logotipo da Xunta no frontal do caixeiro e na pantalla de acceso ao menú principal.

Comentarios