Opinión

A soidade sen coartada

Abril de 2020. Nunca esquecerei as viaxes pola vía rápida dende Compostela ao Centro de Saúde de Noia onde durante media hora non te cruzabas con ninguén, agás algunha ambulancia ou un camión de reparto de servizos básicos. Mentres a xente resistía nos seus fogares, a estrada invocaba a distopía de  Cormac McCarty onde o motor da vontade estaba no coidado das nosas nun momento excepcional.

A única soidade boa é a que escollemos ou aquela que conquistamos sen imposicións. Neste último ano e medio moitas temos falado ou escrito sobre a saúde mental dende diferentes perspectivas, pero pouco se ten dito do papel que a soidade xoga nun problema de saúde pública de primeira magnitude, circunstancia que vén de lonxe agravada pola pandemia.

Un pode sentirse só rodeado de persoas ou tendo milleiros de seguidores en twitter. A sociedade de consumo dá prioridade aos obxectivos individuais sobre os colectivos deseñando cidades onde os centros comerciais usurpan as conversas das prazas, expulsan á terceira idade do espazo público, reclúen ao disidente, exclúen a unha maioría por razóns económicas, recrutan turistas ou estigmatizan á mocidade por precisar vivir. A Covid tan só catalizou isto dando nun primeiro momento razóns de saúde pública e supervivencia para resistir ao desamparo, pero unha vez que todo o que vivimos vai quedando atrás nesta nova normalidade, máis conscientes somos do noso illamento e menos coartadas temos para convivir con el.

Outubro de 2021. Nas consultas saturadas de Atención Primaria sobrevoa a impotencia de moitos pacientes para reconstruír a súa rede de afectos e a tristura que isto provoca. Os encontros entre a xente instaláronse na cita previa e na resaca do medo, sen saber se esa nova maneira de relacionarnos ten data de caducidade co paso do tempo. Aínda non somos quen de intuír as consecuencias disto na saúde das persoas máis tamén no ser social que nos define, aquel que ás veces permite mudar o estado das cousas.

Comentarios