Opinión

Un sepulcro honorable

Existe unha regra base da proporción chamada a sección áurea, empregada dende hai séculos na música, na arte ou no deseño. Descubrina por primeira vez nun poema de Manolo Rivas “Foi no enterro de tía Anuncia, en Riocobo, / aquel día de sol que ía moita friaxe polos pés. / Pepe, o de Teté, que é fillo de carpinteiro, / faloume da Sección Áurea, / o número secreto que garda a proporción entre os segmentos”. Nesa procura dunha certa harmonía transitaron as creacións de moitos artistas, tamén se di que o segredo de como resistiu o frontispicio de Notre Dame á voracidade do lume no 2019 ten que ver co deseño polo que é coñecida como a catedral áurea. 

De proporción ou harmonía entende pouco o goberno da capital do noso país nos últimos dous anos capitaneados polo sempiterno Bugallo. A súa toma de decisións tan só se comprende dende unha concepción da cidade obsesionada con ensanchar a súa cara máis conservadora. Por iso impulsan obra pública e un modelo urbanístico  que vive de costas ao día a día da cidadanía, beneficencia na acción social, submisión co goberno autonómico, modelo turístico a granel que non sabe de pandemias e, nos últimos días, defensa dun modelo represivo máis propio do PP e do seu caxato asentado na extrema dereita. 

Compostela é unha cidade cun alcalde afastado da súa Universidade onde escoitamos o estrondo do silencio reitoral. O estudantado é expulsado dos lindes municipais na onda da xentrificación, culpabilizado das cifras da Covid no curso pasado e, nestes días, reprimido no seu lecer nocturno coma se vivísemos no tardofranquismo, sendo estigmatizados polo concelleiro de seguridade coa complicidade da prensa local.

Os que para defender o dereito ao descanso da veciñanza que todos defendemos dan por boa a intervención da U.I.P. cun grupo de estudantes en Santiago, pouco interese teñen no sentido da proporción con este precedente.  Ou iso ou coñecen o final do poema do Rivas que remata cun “A sección áurea. / A medida tamén dun sepulcro honorable".

Comentarios