Opinión

Alivio de loito

A pandemia invadiuno todo, tamén o noso dereito a parar no estío que pasa, no mellor dos casos, por facelo durante un par de semanas para traballar por catro nas dúas seguintes. O nadal e o verán son un oxímoro cun común denominador en risco de extinción; coller perspectiva, saberse prescindible, elaborar un catálogo de danos.

No argot da bicicleta dise “facer a goma" cando un ciclista, como consecuencia da fatiga, descólgase e reengánchase do resto de participantes, buscándolle o xeito para resistir cando non pode aguantar o ritmo. Pecaría de optimista se dixese que 16 meses despois do comezo da nova normalidade, algúns estamos a emular no seus días malos a Mosquera, Pino, Pereiro ou Blanco Villar como resposta ao que está a acontecer. A realidade é que xa non podemos máis.

A quinta onda mudou o paradigma das anteriores. A vacinación estase a mostrar efectiva na diminución da mortalidade e das complicacións, reducindo a presión hospitalaria pola Covid. No envés de todo isto atópase unha medicina de familia asolagada que absorbeu toda a presión asistencial dun estoupido de casos descontrolado. Aconteceu nun mes de xullo no que se estaba a recuperar o modo presencial e, tamén, cando as sanitarias precisabamos coller folgos despois de todo o vivido, polo noso ben e polo dos nosos pacientes.

Máis aló das cifras e da sensación de desborde que chegou para quedar é importante non facernos trampas ao solitario. Temos un problema estrutural coa falla de efectivos que non imos poder compensar a curto-medio prazo, uns gobernos que co gallo da diminución da perda de vidas amparan un “dálle gas” á economía, e un segmento da poboación, aínda non vacinada, que decidiu recuperar o tempo perdido entendendo que liberdade e consumo son sinónimos que conflúen no eu.

Con estes vimbios cómpre comezar a pensar en organizar un “jazz funeral" pola atención primaria. O loito amósase celebrando a vida como fan en New Orleans. Non debera ser doutro xeito.

Benvido, Agosto.

Comentarios