Afirma Pereira

A teoría da relatividade de Einsten avala a Monteagudo. Cando máis rápido se despraza un, o tempo parece fluír máis amodo. Se el tivese viaxado á velocidade da luz podería incluso deterse sen envellecer. Ben sabía que esta coartada tan só permite o traslado cara ao futuro, nunca cara a un pasado negado pola causalidade. Aínda así, non empregou nesta ocasión o Manel o tempo propio do poema, aquel que lle permitiría, máis aló da evidencia científica, viaxar onde quixese cun verso.

No pasado vive, agás honrosas excepcións, gran parte do xornalismo actual reinterpretando constantemente a Tony Curtis a golpe de clic e negocio: “non deixes que a verdade poida estragarche unha boa reportaxe”. Nun hábitat profesional onde a opinión substitúe a información e a posición editorial está contaminada polo capital, algúns non perden o tempo na precisa verificación do que pode ser noticia, tampouco nos condicionantes de saúde vencellados a unha fonte. “Para que facelo?”, pensarán, se o embuste ou a verdade deixan a mesma marxe de beneficio que non entende de vítimas civís. Tan só así podemos comprender o que sucedeu nestes últimos días con esta triste historia, onde a carga da culpa caeu integramente na testemuña cun corpo de mensaxeiros inviolable coma o rei.

No pasado vive tamén a política galega, concretamente no 2008. Isto ten aínda máis mérito se pensamos en todo o que aconteceu nestes anos cunha crise económica de terribles consecuencias e co drama da actual pandemia. As receitas, que non eran válidas por cuestionables naquel entón, reivindícanse noutras bocas nun hábitat moito máis adverso onde a distopía exerce de antónimo da utopía. “Átame esa mosca polo rabo”, diría o Beiras.

Con tanto ir e vir no tempo, corremos o risco de ficar atrapados nun jet lag melancólico que fale mal de nós. Contra a vella normalidade toca contrapoñer futura normalidade ou futuro aberto, aquel que non renuncia a impugnar o estado das cousas na busca dun “afirma Pereira”, dende a subversión dun país soberano, nunha república das máis.