Opinión

Esa palatal

Ese fonema que recoñecemos como un dos especificamente galegos. A incapacidade das xentes estranxeiras para o pronunciar correctamente acaba por nos facer rir. Como aquela noite en que Roberto Vilar, despois de repetir infrutuosamente a un convidado de fóra o nome do concello de Xove, acabou dicíndolle "Shakira!".

Nestas últimas semanas tamén rimos outro cacho, e foi a conto das múltiples e inverosímiles pronunciacións do nome das Tanxugueiras, que non só ten a tal palatal, senón que mesmo remata cun ditongo decrecente de noso e coloca unha nasal trabando a primeira sílaba. Titoriais houbo que facer para mostrar como se pronunciaba esta "dificilísima" palabra. Moito máis difícil ca esternocleidomastoideo, superfraxilístico, seibiunouva ou fistro diodenal que dicía o cómico. Unha das explicacións máis sintéticas e resultonas foi a que empregaba o espello do inglés para axudar a foráneos: "tan-shu-gay-ras".

Pois ben, non descansen e volvan tirar de retranca e imaxinación, que agora vén a quenda da Secretaría Xeral de Estado do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital (ops, "digital"). Agora que vén o Entroido, en Gondomar debiamos facerlles unhas coplas aos do Ministerio para que entendan a reclamación da Plataforma Gondomar Fibra Xa! (se dan collido as chirigotas de Cádiz, malo será que non collan as coplas galegas). Porque, como dicía Kiko Novoa no 'Galicia por diante', as tres primeiras palabras aínda se van entendendo, pero a cuarta, a cuarta é o problema. Xa. Hai que poñerse no lugar dos outros, repetindo "ksa" sen seren quen de entender nada, pobres.

Pois iso, retranca e titoriais para entender o monosílabo "xa" e outras palabras do noso raro idioma. Sobre o significado da preposición "por" na cita da lexislación coa que derruban as reclamacións ("La lengua de los procedimientos tramitados por la Administración"), iso xa, que o faga a RAE, que fala na súa lingua.

Velaquí a protección para o noso idioma coa que se gaban na súa constitución.

Comentarios