A lingua en outubro
Nestes quince días de outubro sucedéronse as novas sobre o idioma. Será porque o Consello da Cultura fixo pública "a primeira análise dos Servizos de Normalización Lingüística (SNL) e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG)" en tres décadas. Será porque os orzamentos destinados a normalización son a metade dos previstos en 2009. Será porque outubro está con setembro no inicio do curso escolar e nestas datas adoitan publicarse os datos do IGE, eses que nos últimos anos veñen sinalando o descenso no uso da lingua galega, até que esta deixou de ser a lingua maioritaria, sen que os gobernos do PP teñan feito nada para reverter a situación. Nada que non fose negar as evidencias e utilizar os datos da forma que lles interesa para ocultar a realidade.
Hai unha viñeta de Xosé Lois 'O Carrabouxo', anterior a 2011, que sintetiza perfectamente esa política lingüística. Nela un representante da Xunta di: "Nuestra política lingüística es un éxito", ao que o interlocutor lle retruca: "Pois o galego perde falantes", e o da Xunta remacha: "Pues por eso!". Así de sintético e contundente.
O Consello da Cultura sinala na súa análise a necesidade de estabilidade, coordinación e recursos dos equipos, aspectos que teñen que se traducir en medidas orzamentarias para poderen ser desenvolvidos, mais, como se estivese a resposta preparada, soubemos días despois que os orzamentos da lingua para 2026 serán algo máis de 13 millóns de euros, moi por debaixo dos 21 orzamentados polo bipartito hai décadas. Dá igual que só un de cada seis concellos teñan SNL ou que os que non os teñen aproben ordenanzas de normalización para cumprir cos criterios que lles esixen subvencións non lingüísticas.
Mentres tanto, nada sabemos da actualización do Plan de Normalización que propoñían hai un ano e que tería que comezar por constatar os escandalosos incumprimentos do aprobado en 2004.
E se os cualificamos de galegófobos, aínda nos botarán os cans de presa. Mais amantes do galego non son, non.