Turismo: cinco teses

Cinco propostas partindo dunha premisa: benvido o turismo sempre que respecte a vida e cultura da veciñanza do país, das cidades e vilas. Sustentábel.

1. Prioridade á veciñanza no alugueiro de pisos: control de pisos turísticos, denegando a regularización dos ilegais, como aprobou hai pouco o concello de Santiago de Compostela. A alternativa de aloxamento son hoteis e pensións.

2. Protección dos espazos naturais: a acampada fóra dos cámpings non está permitida; en moitos concellos hai áreas de estancia gratuíta para auto-caravanas. Porén nas rutas a pé e nas visitas ás praias máis afastadas vense caravanas instaladas. É necesario máis control.

3. Prohibición dos cruceiros: non contribúen ao tecido empresarial das cidades, ao non se aloxar en hoteis, e en moitos casos nin comer nos restaurantes. Un exemplo, dise que en 2024 a Coruña recibirá 350.000 pasaxeiros, que deixarán na cidade 25 millóns de euros. Isto é 71,50 euros por persoa. Unha cantidade mínima en comparación co impacto ambiental –pensemos unicamente no procesado das augas fecais–. Transitoriamente, limitar o número de cruceiros e pasaxeiros.

4. Normativa sobre o uso de bastóns de marcha nas cidades: diríase que é innecesario advertir a peregrinas e turistas de que os caxatos acaban nun pincho metálico para subir montes, non para camiñar polas rúas de Compostela e Pontevedra ou pola muralla de Lugo emulando o son dos cascos dos cabalos. Cómpre encanar o tope de goma. 

5. Eliminación do chamado “Tren turístico” de Santiago de Compostela: por unha banda é a intrusión dun vehículo –moitos ao longo do día– no centro histórico peonil; pola outra o percorrido polo campus e a cidade nova non corresponde ás expectativas, como reflicten as protestas. 

Certo, requiren control, mais a situación demándao. As viaxeiras agradecerán unha Galicia coas súas paisaxes e monumentos intactos. As galegas e galegos máis.

Comentarios