Termar da esperanza

Podemos falar por unha vez das cousas que se fan ben? De todo no que en España ou no Estado español, démoslle un nome ou outro, imos por diante da meirande parte dos países europeos. Hai demasiados prantos, demasiados carpideiros –se é un neoloxismo, que o metan no dicionario– e carpideiras. Non vou unir a miña voz ao coro que dá por perdidos sete anos de goberno progresista. Estou de acordo coa defensa que fai Xosé Manuel Beiras de Pedro Sánchez.

En primeiro lugar, se o Goberno levou a cabo políticas progresistas –reforma laboral, lei do só si é si, lei trans, retirar a Franco de Cuelgamuros, entre outras– é por gobernar en coalición cunha forza de esquerdas, Sumar, e por se apoiar nos partidos BNG, ERC, PNV, Bildu, Podemos, ás veces Junts, e ter que responder ás súas demandas. A fragmentación responde a unha realidade, por moito que anoxe aos conservadores. As míticas eleccións de 1931 que trouxeron a República foron gañadas pola Conxunción Republicano-Socialista, composta por nove partidos, máis que todos os de esquerdas e nacionalistas no Congreso de hoxe. Entre eles estaba a Federación Republicana Galega, procedente da ORGA, mais non estaba o Partido Comunista que considerou a República "un engano para a clase traballadora".

É posible tomar medidas contra a corrupción. O 23 de xuño de 2024 Sumar rexistrou unha Proposición Non de Lei para impedir que as empresas condenadas por corrupción acadasen contratos públicos. A PNL non foi tomada en consideración porque PP e PSOE votaron en contra. 

A dereita quere instalar a idea de que todos son iguais, alimentar a desafección política. Non é certo, móstrao a ausencia de casos de corrupción durante o bipartito, nos gobernos municipais do BNG, nos das Mareas hai dez anos. A súa mensaxe é "perdede toda esperanza". O camiño é avanzar nas políticas sociais, afondar na democracia, termar da esperanza.

Comentarios